jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A rúa Francisco Regalado de Poio, a piques de renomearse como 'Baixada A Chousa'

Tramo que pasará a chamarse 'Baixada A Chousa'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Tramo que pasará a chamarse 'Baixada A Chousa'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A Concellería de Memoria Histórica propón dividir a vía en dúas partes e estuda termos vencellados aos oficios tradicionais para o segundo deles

Dende que o pasado mes de xaneiro o Concello de Poio anunciara retirar os nomes das rúas do municipio que homenaxean a personaxes vencelladas ao franquismo, por fin hai un consenso para renomear a rúa Francisco Regalado, situada en Combarro. Esta proposta, achegada por un dos colectivos locais, pasa por renomear a rúa actualmente adicada ao almirante franquista como Baixada A Chousa, no tramo que vai dende a rotonda da PO-308 ata a emblemática praza do municipio. Esta proposta está a ser ultimada pola Concellería de Memoria Histórica, dirixida pola nacionalista Marga Caldas, que contempla dividir a rúa en dous tramos con cadanseu nome diferenciado. Neste sentido, o primeiro deles sería Baixada A Chousa e o segundo, que vai dende a praza ata a praia da Canteira, será nomeado cun termo vencellado aos oficios tradicionais das mulleres do lugar, como é o caso das redeiras, co obxectivo de "poñer en valor o seu esforzo e traballo". 

O motivo para diferenciar dous tramos na actual Francisco Regalado atende a que, se ben os colectivos locais propuxeron Baixada A Chousa como nome para a rúa, ata a praia da Canteira hai un tramo "no que xa non hai baixada, polo que entendemos que é preciso apostar por outra nomenclatura", segundo explicou Caldas. Neste sentido e, "apostando sempre" polo consenso cos colectivos, a edil asegurou que o oficio das redeiras é unha opción a contemplar para este segundo tramo.

"É algo que debemos facer por hixiene democrática", aseverou Marga Caldas, despois de volver reunirse cos colectivos locais por vía telemática hai só uns días. Segundo explicou a concelleira, "a pandemia obrigounos a pospoñer temporalmente este proxecto, pero agora retomámolo e agradecemos a implicación e o interese amosado polas agrupacións á hora de facer as súas achegas". 

Neste sentido, Caldas asegurou que coa nomenclatura de Baixada A Chousa peténdese "recuperar a microtoponimia tradicional no proceso de nomeamento das rúas. En décadas anteriores escolléronse denominacións honoríficas ou nomes de países, cidades ou ríos galegos, algo que se foi perdendo co paso do tempo e do desenvolvemento urbanístico", explicou a edil.

A intención do Goberno local é que o Pleno da Corporación aprobe esta proposta antes de finalizar o presente ano

Con respecto ao tramo ata A Canteira, a concelleira entende é prioritario poñer en valor "a feminización" á hora de bautizar rúas, toda vez que a maioría das mesmas corresponden a nomes de homes. Neste sentido, unha proposta anterior para renomear Francisco Regalado pasaba por outorgarlle á vía o nome de Carlos Maside, artista residente en Combarro, membro da xeración Os Novos. "Seguiremos escoitando as achegas e proposta que nos fagan os colectivos para nomear este tramo cun oficio que resalte a importancia da muller no eido laboral e tradicional do noso pobo. Desde logo, cremos o que das redeiras ten un encaixe xustificado", sinalou e edil.

O Concello buscará fórmulas para "compensar", en caso de que sexa necesario, os posibles custes que teñan que tramitar os negocios situados nesta rúa polo seu cambio de nome. A intención do Goberno local é que o Pleno da Corporación aprobe a proposta antes de finalizar o ano.

A rúa Francisco Regalado de Poio, a piques de renomearse como...
Comentarios