A rúa Valiña de Poio amplía a súa capacidade peonil e racionaliza os aparcamentos

A Deputación investiu 80.000 euros na mellora desta vía, que supón un dos eixos principais do municipio, e que se atopaba en mal estado
Membros do Concello e da Deputación este luns na rúa Valiña. DP
photo_camera Membros do Concello e da Deputación este luns na rúa Valiña. DP
O mal estado que presentaba a rúa Valiña de Poio xa é cousa do pasado. Os deputados Santos Héctor e Gregorio Agís, xunto co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada, visitaron este luns a actuación de mellora da vía xa concluida, que supuxo a ampliación da capacidade peonil da vía e a racionalización dos aparcamentos grazas a un investimento de máis de 80.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

A rúa Valiña, que supón un dos eixos principais do municipio, conta agora cunha superficie adicada aos peóns dun 40% máis de extensión que anteriormente, posto que a obra serviu para correxir o seu trazado irregular e suprimir varias barreiras arquitectónicas, estabilizando o ancho das beirarrúas en dous metros. Neste sentido, a superficie total de beirarrúas pasou dos 300 metros aos 502 metros cadrados. A maiores, solucionáronse os problemas das entradas dalgúns garaxes, que constituían verdadeiras barreiras arquitectónicas, e tamén se pavimentou a calzada.

A actuación na rúa, que conta cunha lonxitude total de 130 metros, permitiu reordenar completamente os espazos, separando os peonís das zonas de aparcamento para garantir a seguridade viaria. Para isto, demoleuse o firme anterior e adaptáronse as novas beirarrúas ao rasante, ademais de abrir gabias para instalar sumidoiros da nova rede de pluviais.

Gregorio Agís, en calidade de deputado, fixo alusión ao mal estado da rúa Valiña dende a construción dos primeiros edificios. "As beirarrúas non tiñan as condicións necesarias e, ademais, era preciso reordenar os niveis nas entradas aos garaxes. Gracias ao Plan Concellos puidemos dar resposta ás necesidades dunha zona que ten moitos habitantes", asegurou. Agís destacou tamén a fortaleza do Plan, "que aparte de tratar a tódolos concellos por igual, sen mirara súa cor política, dá plena autonomía para que os propios concellos resolvan obras, contraten persoal e mesmo organicen eventos". Neste sentido, segundo o deputado, nos últimos anos a Deputación ten feito diversos investimentos "potentes" en Poio.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, lembrou que a rúa Valiña conta cunha forte densidade de poboación e canaliza unha grande cantidade de vehículos, polo que se facía necesario "mellorar a accesibilidade peonil para conseguir unha mellor calidade de vida cunha contorna agradable". Sobral tamén valorou que o Plan Concellos supón un "acerto", porque é "un financiamento estable con criterios obxectivos para os concellos". Neste sentido, a Deputación financiou máis de 20 obras en Poio ao abeiro do Plan Concellos, entre as que se inclúen a mellora do campo da Seca e a mellora da Seara.

Comentarios