O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, participou este sábado no acto de presentación como candidato á reelección do actual alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, de cara ás vindeiras eleccións de maio. Rueda calificou a Cubela como un referente para os alcaldes do Partido Popular de Galicia porque "está en todas partes, consegue convencer a todas as sensibilidades e demostrou desde o primeiro día que é o alcalde de todos", pero sobre todo porque "ten a capacidade de explicar, de sentir e de convencer", de aí que non dubidase en definilo como "un alcalde de raza no que paga a pena confiar".
Para Rueda, "grazas a Jorge, Cerdedo-Cotobade é hoxe a demostración de que se poden facer cousas desde o rural e para o rural e que non hai que estar nun gran concello para desfrutar de servizos de primeira", asegurou, poñendo tamén en valor a vocación de servizo público do candidato á reelección. Neste sentido, apuntou o líder dos populares galegos, "a única forma de devolverlle todo o esforzo e a dedicación aos seus veciños nestes anos" será volvendo a confiar nel como alcalde cunha maioría absoluta.
"É o momento de volver confiar en Jorge Cubela para que se sigan facendo as cousas como se están facendo, para que continúen vindo investimentos a Cerdedo-Cotobade e para que todo o que ten agora mesmo enriba da mesa non sexa máis que a continuidade do xa conseguido", afirmou e, en chave electoral, o presidente do PPdeG recordou que "cada voto ao PSOE o 28 de maio será un voto a Pedro Sánchez" e animou aos seus a conseguir unha nova maioría absoluta neste concello: "Con que a Jorge Cubela lle falte un voto, o PSOE e o BNG xuntaranse para que Cerdedo-Cotobade volva ao branco e negro".
Ademais, Alfonso Rueda anunciou que no seu próximo encontro coa presidenta da Comisión Europea transmitiralle que "Galicia ten futuro" e a aposta do Goberno galego por "atraer proxectos, ideas e empresas para que a mocidade teña futuro e poida formarse e traballar en Galicia". Neste sentido o líder dos populares galegos criticou ao Goberno central a súa "oposición a Galicia para facer oposición a Alberto Núñez Feijóo", polo que animou os presentes a acadar "unha gran victoria".
Jorge Cubela: "É momento de seguir adiante"
O candidato á reelección como alcalde prometeu "seguir loitando" polos seus veciños e continuar transformando o concello para convertelo "nun lugar no que a xente pense á hora de construír o seu fogar ou investir".
Para Cubela, "é momento de seguir adiante e non parar. Seguir apostando por un goberno estable e fiable, non arriscarse con experimentos a dúas bandas", engadiu, presumindo tamén de coñecer "a todos os veciños e cada recuncho de Cerdedo-Cotobade". Así, quixo poñer en valor a súa experiencia de goberno: "Nós tamén somos usuarios dos servizos públicos deste concello e, por iso, sabemos ben o que fai falta e o que ten cabida para mellorar".
O actual alcalde remarcou que as constantes do seu traballo foron "dotar a Cerdedo-Cotobade de equipamentos culturais, das dúas residencias de maiores, de novas humanizacións, vivendas sociais, melloras das infraestruturas municipais, iniciativas piloto no monte, a mellora do patrimonio cultural, así como as iniciativas turísticas", e destacou o apoio do seu goberno ás asociacións culturais, deportivas, de maiores e ás comunidades de augas.