A ruta que parte dos muíños de Samieira enlazarase co paseo de O Laño e Covelo

A actuación acometerase nunha extenxión duns 500 metros que vai desde a Praza Alfredo Romay en dirección a PO-308, seguindo o curso do río Freiría
Gregorio Agís, Chelo Besada e o técnico de Medio Ambiente. DP
photo_camera Gregorio Agís, Chelo Besada e o técnico de Medio Ambiente. DP

O Concello de Poio quere impulsar un proxecto encamiñado á posta en valor de dous dos grandes atractivos cos que conta, desde o punto de vista medio ambiental, patrimonial e turístico, a parroquia de Samieira. Trátase dunha actuación que serviría para conectar a ruta dos muíños co paseo marítimo que vai desde a praia do Laño ata Covelo.

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, explicou que xa se está a traballar na redacción do anteproxecto. A intención é que a través deste departamento se soliciten fondos ao Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro de Pontevedra (GALP) para poder desenvolver estes traballos. O edil do PSdeG-PSOE sinala que a actuación se acometería nunha extensión aproximada duns 500 metros, que vai desde a parte da senda dos muíños que baixa desde a Praza Alfredo Romay en dirección ata a PO-308, seguindo o curso do río Freiría, tamén coñecido como Rego dos Muíños.

"A idea é habilitar unha zona por onde os veciños e veciñas poidan transitar, de xeito que poidan chegar ata o inicio do paseo que transcorre pola fachada marítima do Laño", detalla o membro do Goberno municipal de Poio, que explica que a través deste proxecto tamén se busca aproximar o núcleo da parroquia á praia con este acceso a pé.

O Concello tamén falará cos propietarios dos terreos que se verían afectados polo proxecto, para acadar as cesións necesarias. Agís, que estes días inspeccionou parte dos terreos acompañado pola edil de Obras, Chelo Besada, e o técnico de Medio Ambiente, lembra que "esta actuación é ambiciosa porque, entre outras vantaxes, tamén serviría para ampliar o espazo xa existente na parroquia de Samieira no que a sendas se refire". 

Esta semana, operarios municipais procederon a desbrozar algunhas das parcelas máis próximas a O Laño. Cómpre lembrar que a ruta dos Muíños conta cunha extensión que rolda os 5,5 quilómetros (entre a ida e a volta), aos que hai que engadir outros 1.200 metros existentes entre O Laño e Covelo.

Con esta conexión, superaríanse os 7.000 metros de espazo a disposición de toda a cidadanía. "Con este proxecto, estamos ofrecendo a opción a veciños, veciñas e visitantes de percorrer a pé unha distancia que iría practicamente desde a nosa fachada costeira ata o límite coa Armenteira", incide Gregorio Agís, que salienta o "tremendo valor" que ten esta contorna "a nivel patrimonial e paisaxístico". 

A ruta dos muíños de Samieira conta cun total de 23 muíños, dez dos calos fóronse restaurando nos últimos anos. Ademais, o Concello vén desenvolvendo diferentes actuacións para a posta en valor desta contorna. Hai un meses, a Concellería de Turismo, dirixida por Silvia Díaz (Avante), destinou un total de18.000 euros para a mellora da sinalización, dotando de novos paneis informativos a esta senda, así como á dos muíños da Freixa, na parroquia de San Xoán.

Comentarios