O San Xoán de Poio, sen sardiñas nin verbena

O Concello estuda celebrar actividades para grupos reducidos e nenos
2020052912321965259
photo_camera A sardiñada de San Xoán, o ano pasado na Seca. GONZALO GARCÍA

O Concello de Poio descarta manter a celebración das Festas de San Xoán tal e como se viñan desenvolvendo tradicionalmente e estuda iniciativas que, na medida do posible, poidan axudar a paliar o impacto social derivado desta decisión. Deste xeito, este ano non se desenvolverán as tradicionais verbenas e a gran cacharela e sardiñada que habitualmente tiña lugar na explanada da Seca. Outra posibilidade que tamén está practicamente descartada é aprazar temporalmente os festexos na honra do patrón. "Sería moito máis lóxico retomalas o vindeiro ano nas súas datas habituais", defende o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez. Neste sentido, o edil do Bloque Nacionalista Galego sinala que a Administración local aposta por manter as contratacións que se pecharon antes da crise derivada pola covid-19 de cara a cita do 2021.

O concelleiro nacionalista ten moi claro que, á hora de deseñar unha programación lúdica, "hai que actuar con moita cautela, porque é imposible saber que vai suceder no futuro inmediato, por moito que a situación estea mellorando nos últimos tempos. Non podemos baixar a garda". Chegado o caso, tratarase de impulsar outras actividades nas que se poida garantir de xeito rigoroso as medidas de distanciamento e seguridade que establecen as autoridades sanitarias e que, con toda probabilidade, será preciso manter unha vez se retome a normalidade, a fin de evitar posibles rebrotes. Neste aspecto, o Concello entende que podería ser posible, por exemplo, impulsar a organización de eventos pensados para grupos reducidos, sendo rigorosos no cumprimento de aforo. "Estamos estudando fórmulas pensadas para os cativos e tamén a posibilidade de organizar pequenas actuacións musicais", indica o responsable da Concellería de Festexos. A maiores, buscaranse propostas vía telemática, a través das redes sociais.

Xosé Luís Martínez entende que este é o proceder axeitado no contexto actual, "máxime tendo en conta a falta de implicación por parte da Xunta de Galicia" e lamenta "a ausencia de directrices sobre as verbenas de verán".

Comentarios