Martínez non puido pasar por alto a simboloxía do emprazamento, e destacou esa "volta á Seca", porque o ano pasado "fixémolas en distintos lugares", pero "aquí é onde cada ano se fan as festas de San Xoán, coas súas verbenas, e será este ano onde se celebrarán os concertos", lembrou.
Aínda que nesta edición San Xoán non terá Gran Sardiñada, verbena, pregón, nin fogueira, a música será o motivo central das festas, cun elenco de artistas "do país", entre os que, como xa adiantara a Concellería de Festexos, os pratos fortes serán Lucía Pérez (xoves 24), Susana Seivane (venres 25) e Gustavo Almeida (sábado 26). Os tres daranse cita na explanada da Seca, baixo as pertinentes medidas anticovid. Niso incidiu, precisamente, Martínez, que pronosticou unha semana festiva máis tranquila neste sentido. "O ano pasado foi unha incógnita, pero este ano xa temos unhas medidas, e a xente está máis tranquila. A mellora da situación sanitaria permítenos apostar pola realización de concertos importantes", asegurou o edil de Festexos, que confía en que o vindeiro ano "as festas recuperen a normalidade".
Martínez agradeceu a implicación da edil de Cultura, Raquel Rodríguez, así como dos colectivos que participan coas súas actividades no desenvolvemento da semana grande de Poio, na que está implicada dende hai moitos anos a Asociación O Ronsel, e na que tamén participará a Escola de Acordeóns de Campelo, que dará un concerto o sábado 26, así como o artista local Nelson Quinteiro, que actuará o domingo 27.
O concelleiro de Festexos amosouse convencido de que esta programación "fará as delicias da veciñanza e dos primeiros visitantes que veñen a Poio neste inicio do verán, xa que este ano o turismo apostará polas Rías Baixas".