Sancionadas dúas veciñas de Poio por incumplir a Lei de Benestar Animal

O can duha delas estaba pechado no interior dun vehículo  e o outro permanecía atado a unha cadea en moi malas condicións
O can rescatado en San Xoán. CEDIDA
photo_camera O can rescatado en San Xoán. CEDIDA

A Policía Local de Poio vén de tramitar dúas denuncias por incumprimento da Lei de Benestar Animal, logo de localizar nos últimos días a un can que se atopaba pechado no interior dun vehículo e o outro que permanecía atado a unha cadea e en moi malas condicións nunha parcela particular.

O primeiro caso rexistrouse o pasado domingo. Axentes do corpo de seguridade municipal desprazáronse ata o lugar de Chancelas, na parroquia de Combarro, logo de recibir varias chamadas de transeúntes e veciños, que alertaban da presenza dun automóbil estacionado na PO-308, en cuxo interior había un can. O animal foi liberado e presentaba síntomas de deshidratación, logo de permanecer dentro do automóbil soportando temperaturas superiores aos 35 grados. A propietaria, unha veciña da localidade de Culleredo, atopábase nunha das praias da zona.

O segundo caso produciuse o pasado luns 6 de xullo. A Policía Local localizou nunha finca de San Xoán a un can que estaba atado cunha cadea e presentaba diferentes feridas, polo que foi liberado e trasladado a un centro veterinario. O animal atópase agora baixo a custodia da Asociación Amigos da Canceira. Neste caso, a pertinente denuncia presentouse contra a propietaria do can, unha veciña da parroquia poiense.

Cómpre lembrar que a normativa contempla multas que poden ir desde os 500 aos 5.000 euros por incumprir a Lei de Benestar Animal. A Policía Local incide en que os e as propietarias de mascotas "teñen a obriga de coidalas".

Comentarios