"Saquei o traxe para ensinárllelo ós alumnos"

Henar Lameira, mestra de Infantil, con 24 anos leva 15 vestindo a madama coa que cada Entroido recupera os bailes tradicionais de Cobres
Henar Lameira. DP
photo_camera Henar Lameira. DP

Ás rúas de San Adrián e Santa Cristina de Cobres fáltalles cor este mes de febreiro. As madamas e galáns que desde o século XVIII case ininterrompidamente percorren estas parroquias de Vilaboa tamén quedaron na casa por mor da pandemia. Porén, os seus traxes, lonxe de estar gardados, brilan nas redes grazas ó I Concurso de Vídeo do Entroido de Cobres.

De non ser pola pandemia, que estaría facendo nun domingo ou luns de Entroido?

Agora as madamas e os galáns estariamos polas rúas de San Adrián e Santa Cristina bailando e tocando as nosas danzas e pasándoo moi ben. Meses antes xa empezariamos a ensaiar todas as semanas para preparar o Entroido. Por outra banda, os traxes xa os vai facendo cada un o seu ritmo. Non é que cada ano cambiemos a vestimenta, pero son traxes moi delicados e con tanto baile dun ano para outro hai que arranxalos ou cambiarlles algunhas cousas.

Canto tempo leva bailando como madama?

Comencei no ano 2006, primeiro sen sombreiro, ía de branco, e despois de madama. Eu son das maiores, pero o certo é que non hai idade para participar. Antes si que había, porque tradicionalmente unha vez que casabas xa non podías ir bailar. E en canto a máis nova do grupo... con cinco anos xa se están metendo na asociación cultural. Normalmente estes días de Entroido somos unhas vinte parellas bailando, máis os músicos e as demais persoas da directiva que axudan na organización.

O que sentes este ano é morriña de Entroido e o que face é subir moitas fotos ás redes e compartir moitos redordos

Que representan as madamas e os galáns e que supón para vostede participar nesta tradición?

Coa nosa indumentaria vamos representando diferentes clases sociais, a máis alta vén representada polas madamas e os galáns. Antano levaban sombreiro só os quen podía ter ese traxe e quen podía conseguilo, agora levalo depende da idade. Na miña casa sempre se viviu, primeiro os meus avós, a miña nai... Eu vivino máis coas miñas irmás maiores. Sempre as acompañaba nas súas participacións e agora vou eu. Facemos o baile propio, a danza de cobres que é unha xota e ademais bailamos outras muñeiras e un agarrado. Percorremos San Adrián e Santa Cristina e intentamos puntualmente estendernos por outras zonas. Antano tamén o facían así, ían casa por casa bailando, entraban dentro do quinteiro da casa bailar.

O máis vistoso do traxe son os sombreiros que chegan a pesar cinco quilos! Como os confeccionan?

IMG_20200215_041034_890Está feito sobre unha base de palla e por enriba vas colocando as flores dando a estrutura e a forma, logo se engaden cadeas, abalorios... É o máis complicado de facer. Non todo o mundo sabe. De feito, hai unhas cantas persoas na vila, xente que foi no Entroido cando era nova que saben facelos e grazas a elas nós os temos. O ano pasado a asociación cultural organizou uns obradoiros e todas as fins de semanas víase como se fan eses sombreiros porque cada un ten a súa técnica. Por exemplo, o meu ten flores de cores moi vivas, cantas máis cores mellor, canta máis variedade, mellor. Logo ten cadeas, espellos porque o fai brillar máis e outros abalorios. Non hai dous traxes iguais. O traxe ten unha base branca con saia e camisa, sobre a que van colocados lazos e sobre esta vai un mandil, temos un cinturón de pedrería. O mesmo que ocorre co peitoril, canto máis levases mellor, máis rico, máis locías, antano eran de ouro, agora son de bisutería, canto máis mellor, sobre todo a madama. E logo a boa de plumas de cores moi vivas.

Onde garda este ano a indumentaria de madama?

O traxe de madama non está gardado. Xa o vestín. Animáronnos desde a asociación cultural a participar cun concurso virtual. Eu sabía que ía vestilo. O que sentes este ano é morriña de Entroido e o que facemos é subir moitas fotos ás redes e compartir moitos recordos. Aínda hoxe fixemos orellas de Entroido para a sobremesa. Na casa podemos vivilo. E logo fixeron un concurso de vídeos e fotos para amosar como o estamos vivindo na casa. Eu fixen un vídeo no que se ve como me visto, bailando, recreando a festa pola noite, a verbena e animando a que o Entroido vai seguir grazas a ensinarllo ós pequenos da casa. Agora mesmo está aberto o prazo para as votacións do concurso ata mañá, martes de Entroido, que sería o día grande para nós coa corrida do galo e os xogos populares e que dá o peche ó Entroido en xeral.

Vostede é mestra de Educación Infantil, xa lle falou ó seu alumnado sobre a tradición do Entroido de Cobres?

Claro que si. Eu estou traballando en Vigo. Saquei o traxe para iso, para levárllelo ós meus alumnos e ensinárllelo. Eles non coñecían a nosa tradición, de feito, costáballes entendelo. Dicían que brilla moito, querían tocar todo, iso si, con moito coidado.

Unha vez pasa o Entroido, que fan cos traxes ata o vindeiro ano?

O sombreiro sempre está exposto no salón. É como un adorno máis da casa, temos máis de un e o resto no armario. Pero aínda que pasen as datas de Entroido na Asociación Cultural de Cobres fanse clases e outros eventos, encontros, mascaradas, entroidos de verán... Aínda que nesta ocasión pola pandemia a última vez que nos vestimos e fomos bailar todos xuntos foi no Entroido do ano pasado.

Un desexo para o Entroido que vén.

O fácil sería pensar en volver a desfrutalo como facemos ata o momento.

Comentarios