'Saudemente' consolídase tras a volta á presencialidade este curso, con 97 inscritos

A iniciativa da Concellería de Benestar poiense ten unha media de idade que supera os 80 anos, contando con participantes de máis de 90
Sesión do programa 'Saudemente'. DP
photo_camera Sesión do programa 'Saudemente'. DP

Van case tres lustros dende que, no outono de 2007, un grupo de veciños e veciñas maiores de 60 anos inauguraban as primeiras sesións do programa 'Saudemente' no Complexo Polideportivo Miguel Anxo Pazos da Seca.

Hoxe, e unha pandemia despois, a iniciativa impulsada dende de a Concellería de Benestar Social e Mocidade de Poio está plenamente consolidada. A décima cuarta edición púxose en marcha hai unhas semanas, e trouxo consigo a volta ao 100% da presencialidade das sesións, suspendidas en marzo de 2020 polo covid-19.

A día de hoxe, e lonxe de decaer a afluencia, 'Saudemente' conta con preto de 100 persoas inscritas. "Movémonos en cifras moi semellantes a anos anteriores, a xente que se inscribe sempre quere repetir", asegura a concelleira de Benestar Social, a socialista Rosa Fernández.

A media de idade dos e das participantes é de 80 anos aproximadamente, se ben "contamos con alumnado de máis de 90". Este é o caso de María Luisa, a máis veterana, con 98 anos.

Moi lonxe quedan xa aquelas sesións de exercicio físico na Seca. Actualmente, as actividades esténdese por todas as parroquias e, a día de hoxe, aínda quedan prazas libres para os grupos que traballan en Raxó, Samieira, Vilariño e A Seca. Pola contra, está xa o cupo completo para os grupos de Raxó, Samieira e Casa Rosada.

Exercicio físico, talleres para exercitar a memoria e o coidado emocional son algunhas das pautas nas que incide o programa 'Saudemente'. "Pero, por riba de todo, tamén está ofrecer aos nosos maiores a posibilidade de socializar e de que demostren que son capaces de facer manualidades, resolver problemas ou realizar rutinas para o mantemento físico, que é algo que afecta de xeito moi positivo á súa autoestima", sinala Rosa Fernández, que afirma que "é digna de admiración a motivación dos e das inscritas, que todos os días se esforzan en aprender e acaban moi satisfeitos polo traballo ben feito".

A edil do PSdeG-PSOE resalta a importancia de ofrecer a persoas xubiladas e pensionistas un programa que fomenta a integración a nivel social. "Estamos a falar dunha etapa da vida na que, coa chegada do cese da actividade laboral, moita xente cae no illamento, algo que queremos evitar a toda costa. Por iso, temos o compromiso de manter 'Saudemente' no futuro, para continuar ofrecendo un ambiente amigable e san aos nosos maiores", afirma.

Normalidade. O feito de recuperar as clases presenciais, cumprindo con todas as medidas sanitarias correspondentes, é algo "moi importante". A concelleira de Benestar Social lembra que, durante o confinamento, enviáronse a domicilio, coa inestimable colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, paquetes con exercicios e traballos para exercitar a memoria.

"A xente seguiu traballando desde as súas casas, pero o que de verdade querían eran volver a reunirse, algo que nos solicitaron en todo momento para que se fixese realidade en canto a situación sanitaria o permitise, tal e como así foi" apunta.

As persoas maiores de 60 anos que estean interesadas en anotarse nas actividades de 'Saudemente' poden facelo chamando ao 986 872 401.

Comentarios