A tenente de alcalde e concelleira de Turismo en funcións, Silvia Díaz, participou este xoves no acto de presentación do libro Voces del mar de Galicia, realizado pola escritora, socióloga e investigadora brasileira Wecia Mualem.
Nesta obra, que tamén se pode descargar de xeito gratuíto nesta ligazón, faise un exhaustivo estudo, con abundante información e imaxes, sobre o vínculo que existe entre a veciñanza e a vida no mar en Galicia, poñendo o foco no ámbito da provincia de Pontevedra. O libro é o resultado dun importante traballo de campo realizado pola súa autora coa colaboración de profesionais do sector. A presentación tivo lugar no salón de actos do Casal de Ferreirós, na parroquia de San Salvador.
Voces del mar de Galicia pode obterse na súa versión dixital tanto en castelán como en portugués. O libro consta dun prólogo, notas introdutorias, sete capítulos e as consideracións finais. Wecia Mualem, ademais de explicar os detalles desta obra, tamén expresou o seu agradecemento á colaboración amosada polas confrarías de Poio.