"Sempre digo que este ano é o último, pero a xente pícame con Caballero"

A casa de Celso Galán ten 25.000 luces led e é a atracción do Nadal en Vilaboa desde 2019
Celso Galán posa con sus hijos delante de su casa. A. LORENZO
photo_camera Celso Galán posa con sus hijos delante de su casa. A. LORENZO

A casa de Celso Galán, en Bértola, Vilaboa, é xa un referente para as peregrinaxes de curiosos e turistas locais que cada Nadal perseguen a imaxe máis pintoresca, emblemática ou ilustrativa destas datas.

As probas tenas el no seu móbil. Desde que en 2019 iniciou a tradición de iluminar e decorar a súa vivenda para que sexa a máis rechamante da contorna, o lugar foi collendo fama ata tal punto que este ano, Celso recibiu unha mensaxe de Nova York dunha amiga galega que estaba nese mesmo momento con outros emigrantes que lle falaban da súa casa e lle amosaban imaxes da mesma.

Outra proba do nivel de coñecemento que acadou este recuncho foron as mensaxes que recibiu na ponte da Constitución, este mesmo mes de decembro. "Paseina en Bruxelas e a casa estaba apagada, así que moita xente me poñía mensaxes para saber que pasara e por que non a acendía". A ausencia das luces nesas primeiras datas de "acendidos oficiais" en moitos dos puntos de decoración de Nadal da contorma mesmo preocupou a máis de un asíduo.

A día de hoxe, a consolidación da casa como referente de Nadal é tal que ata as cifras son asombrosas. A vivenda conta na actualidade con 25.000 luces LED e 20 focos LED RGB e un sistema de acendido que se pode activar aínda que a axenda de Celso e os seus fillos lles impida estar na vivenda a esa hora. Así, a iluminación xa se activa desde o teléfono móbil do dono.

Unha tradición dun lustro

Celso iniciou esta tradición no ano 2019 pensando en animar os seus cativos, aos que, por aquel entón lles fixera decorados de todo tipo no xardín. Con posterioridade, no ano da pandemia, mesmo montou un barco nunha árbore, e un tempo máis tarde conseguiu ampliar o conxunto decorativo cun soldadiño de chumbo xigante, realizado pintando e unindo varios bidóns de combustible. A día de hoxe, esas decoracións exteriores non son xa obxecto dos seus desvelos "porque co vento e a chuvia dos últimos tempos, é moi difícil de mantelas seguras".

O que non variou foi o desexo de iluminar a vivenda e, con ela, todo o seu barrio. Cada ano, o traballo para decorar a casa iníciase en setembro. Os traballos "non só consisten en colocar luces", porque moitas delas quedan instaladas na vivenda xa dun ano para outro. Pero, moitas outras hai que renovalas para poder manter no espazo o mesmo ambiente que sempre, e moitas outras é preciso recolocalas. "Este ano tivemos que chamar ao guindastre para colocar algunhas das luces, que se moveran", explica Celso, que recoñece que ese é un dos gastos que ten esta afección por engalanar a casa. De todos modos, aclara, o consumo eléctrico non é unha carga posto que a iluminación só dura unhas semanas, e que en realidade "a factura só medra nuns 20 euros".

O veciño de Bértola recoñece que tal vez un día se canse de todo este traballo. De feito "sempre digo que este ano é o último, pero cando chega a data, a xente pícame con Abel Caballero, e así sigo".

"A xente quere competir e tira as luces de calquera maneira"

Do que foxe e fuxirá Celso Galán é de calquera rivalidade que non sexa a competencia con Celso Galán do ano anterior. El só pretende compartir o momento cos seus fillos, e indica que evita "competicións". Tal vez nese espíritu de competencia, ante os concursos que están de moda en distintos concellos, radique o fracaso de moitos deles, porque el entende que "hai xente que tira as luces de calquera maneira", sen reparar demasiado no coidado que necesita a tarefa de decorar para animar e facer felices os demais

Con respecto ao seu principal segredo, un podería pensar que é a marca de bombillas que emprega, pero a realidade é que tampouco a iso lle presta moito a atención. "Compreinas no chino de Salcedo e a verdade é que saíron boas", conta entre risas. Non sabe que recomendar a un novato que vaia a escoller tiras de luces a un establecemento, aínda que, explica, non lle parece que pague moito a pena tratar de ser selectivo "porque a realidade é que todas veñen de China". As últimas que comprou son varias caixas de 480 Led, en Amazon.

Comentarios