Unha senda peonil para unir Parada con Ponte Caldelas

A Deputación aposta por reforzar a seguridade viaria na PO-532

O deputado provincial Uxío Benítez (esquerda) e Andrés Díaz. CEDIDA
photo_camera O deputado provincial Uxío Benítez (esquerda) e Andrés Díaz. CEDIDA

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, vai crear unha nova senda peonil na estrada provincial EP-0206, entre o núcleo de Ponte Caldelas e o lugar de Parada, para garantir unha conexión en condicións de seguranza viaria para as persoas. Segundo explicou o deputado resposable desta área, Uxío Benítez, o investimento superará os 226.000 euros e financiarase grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello.

Benítez asegura que o proxecto pretende reforzar a seguranza viaria, facendo especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables, como son os peóns, os ciclistas e as persoas con mobilidade reducida. A actuación fora solicitada polo alcalde ao deputado Benítez, quen asumiu a petición como necesaria e coherente coa nova política de Mobilidade da Deputación. O persoal técnico de Mobilidade comezou así a realizar os correspondentes labores de recompilación e toma de datos para coñecer os problemas de conservación, servizos existentes e as necesidades a satisfacer.

A senda terá unha extensión de máis de 1.000 metros e incluirá medidas de calmado de tráfico ata o punto quilométrico 2+000. Deste xeito, crearase unha área reservada para os peóns na marxe dereita de 1,1 quilómetros de lonxitude, que unirá as beirarrúas existentes na estrada PO-532 co núcleo de Parada, creando un tránsito peonil seguro entre o núcleo da vila e as numerosas vivendas da zona.

A senda será de formigón e terá unha anchura de 2,5 metros.

Comentarios