"Este será o meu último mandato e nuns meses pasarei a ser pensionista"

Luciano Sobral continuará exercendo o seu cargo os vindeiros tres anos e tres meses que lle restan na Alcaldía ►O rexedor ten pensado prescindir da súa actual adicación exclusiva en canto cobre como xubilado
Luciano Sobral no despacho da Alcaldía, durante unha entrevista. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luciano Sobral no despacho da Alcaldía, durante unha entrevista. GONZALO GARCÍA

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, xa cumpriu os 66 e, despois de 24 anos, case 25, ao fronte da Alcaldía, considera que é hora de pedir a xubilación para poder cobrar a pensión que lle corresponde despois de máis de media vida laboral dedicada ao Concello. Así o asegurou en declaracións a este periódico, nas que detallou que "seguramente, nuns meses pasarei a ser pensionista".

Sen embargo, Sobral non abandona a Alcaldía, nin moito menos. A pesar de pasar a percibir unha pensión por xubilación, continuará exercendo o seu cargo no Concello os vindeiros tres anos e tres meses aproximadamente que restan de mandato. Pero iso si, Sobral aclara que en canto cobre a pensión deixará de cobrar o seu actual salario.

"Como lle quero tanto a onde nacín e a onde vivo, e quérolle moito á organización, cústame dicir que non"

O rexedor móstrase moi satisfeito cos seus "arredor de 40 anos dedicados á política" e tamén cos sete mandatos que acumula xa á fronte do Consistorio. Sobre o actual mandato, confesa, "creo que con este xa cumprín". Neste sentido, evidencia que as pasadas eleccións foron as últimas ás que ten pensado presentarse. "Como lle quero tanto a onde nacín e a onde vivo, e quérolle moito á organización, cústame dicir que non, pero creo que nós agora temos que traballar para que haxa unha renovación da agrupación, e que a xente nova que se integra nela vaia tomando o relevo", explicou o alcalde, que confía nas seguintes xeracións para continuar tirando polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) poiense. E non lle falta determinación. "As cousas teñen que ir avanzando, a organización ten un equipo disposto a dalo todo e temos que darlle paso", explicou.

E, se se trata de "dalo todo", Sobral non pensa deixar de dar exemplo. A súa posible despedida da Alcaldía ao remate do mandato non significará un adeus a toda actividade política. "Os compañeiros saben que contarán conmigo sempre, e que sempre axudarei a que isto siga medrando", comentou. Deste xeito, co BNG na Alcaldía ou sen el, o líder nacionalista ve o futuro con optimismo. "Independentemente de que gobernemos nós ou outros. Poden variar as estratexias, pero pola súa situación e recursos naturais, Poio está chamado a medrar. Estamos nunha zona ben situada, a dous pasos da cidade, e estou totalmente convencido de que Poio ten moito futuro", dixo.

"Agora temos que traballar para que haxa unha renovación, e que a xente nova vaia tomando o relevo"

HISTÓRICO. A experiencia acumulada en todos estes anos fala por si mesma. O rexedor rematará o presente mandato cumprindo 28 anos na alcaldía, pero leva 40 na Corporación, "dende a democracia". "Foi a primeira vez que presentamos lista aquí co BNG, e dende esa non me cambiaron", bromea. Isto ocorreu no ano 1979, no que Sobral encabezaba a lista do Bloque Nacionalista Galego para o Concello de Poio.

Dende que comezou a militar na política nos anos 70, xa dende mozo, nunca quixo abandonala. Viviu todo o proceso de transformación do partido e as fases polas que pasou o nacionalismo galego, implicándose nas loitas sociais do momento. Acadou a Alcaldía do Concello de Poio por primeira vez en 1995, e logrou posteriormente a maioría absoluta en 1999. Rematará o que semella ser o seu último mandato cun tripartito "unido" formado con PSOE e Avante.

Comentarios