O Sergas achega 12.000 euros para mellorar o acceso do PAC de Cerdedo

Esta actuación permitirá a instalación dunha ampla marquesiña na porta para minimizar os efectos do mal tempo.

O Servizo Galego de Saúde está a acometer unha mellora nos accesos do Punto de Atención Continuada (PAC) de Cerdedo para favorecer a entrada dos vehículos de emerxencias e dos usuarios. Esta actuación conta cun investimento de 12.000 euros e permitirá a instalación dunha ampla marquesiña na porta para minimizar os efectos do mal tempo.

Segundo explicou o presidente da Xunta Xestora municipal, Jorge Cubela, esta obra foi demandada pola comunidade sanitaria e os veciños e foi inmediatamente xestionada polo Goberno local co Sergas. "A situación das infraestruturas sanitarias e educativas é unha das nosas prioridades, xa que queremos ter os nosos centros nas mellores condicións posibles para os veciños, polo que cremos que esta sinxela obra é moi importante xa que dotará de maior confortabilidade aos usuarios, tanto os que chegan en ambulancia como os que o fan a pé", explicou o alcalde.

O presidente municipal detallou que a mellora deste acceso dá continuidade ao proceso de mellora do PAC cerdedés, que hai xusto un ano se beneficiou dun proxecto de ampliación das súas dependencias por parte do Sergas, que tamén incluíu a apertura dunha fiestra para impulsar a súa iluminación natural, ademais da conexión á rede telemática de voz e datos do sistema sanitario galego. "Estamos a traballar na primeira liña da atención sanitaria de proximidade e a verdade é que creo que as obras periódicas que se están a facer melloran a confortabilidade e a atención aos veciños", concluíu o rexedor.

Comentarios