O Sergas anuncia a Sobral que ofertará a cobertura das vacantes de Poio

O xerente da Área Sanitaria reuniuse co alcalde e a edil de Sanidade para analizar as cuestións pendientes no municipio
photo_camera Marga Caldas, Luciano Sobral, José Flores Arias e Mayca Val Sanlés, de esquerda a dereita, na reunión. DP

O Hospital Montecelo acolleu onte unha xuntanza técnica do xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o doutor José Flores Arias, co rexedor do Concello de Poio, Luciano Sobral.

Na cita estiveron tamén a concelleira de Sanidade, Marga Caldas, e a directora de procesos de soporte, Mayca Val Sanlés, e o encontro serviu para unha primeira toma de contacto desde o cambio na Xerencia no que se puxeron sobre a mesa as principais cuestións pendentes en Poio, en especial, as relativas á Atención Primaria e aos motivos de descontento veciñal.

José Flores indicoulle a Luciano Sobral e Marga Caldas que, aínda que se están a cubrir con substitucións ausencias de efectivos asistenciais nos centros deste Concello, a Área Sanitaria vai ofertar a cobertura da totalidade de prazas de Medicina Familiar e Pediatría de Atención Primaria en Poio, cara a consolidar a continuidade asistencial.

Tal e como aclarou á saída do encontro a concelleira Marga Caldas, "hai un compromiso de que este mes se sacarían esas prazas: a "deslizante" entre Anafáns e Combarro, a de Raxó e unha máis en Combarro, que se cubre coa ampliación de xornada laboral doutros facultativos. Grazas a iso, nese servizo, haberá médico tres días á semana en vez de de luns a venres. Nos ante iso defendemos que unha merma no tempo é tamén unha merma na atención, e esperamos que realmente se poida atallar esta situación".

A edil indicou que "tamén tivemos ocasión de falar do bloqueo de axendas que tiveron dous dos médicos de Atención Primaria este mes, algo que nos din que se está a solventar", recalcou.

Con respecto ao novo centro de Anafáns, ambas partes conversaron sobre a xestión do Concello de Poio para poñer a disposición a parcela viable coa edificabilidade suficiente para a construción do mesmo. Poio dispón dunha partida de 300.000 euros e está a solventar a parte xurídica como paso previo á licitación desta compra. Con posterioridade, porá o terreo a disposición da Xunta.

O xerente lembrou que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria contempla na súa Fase 1 a construción dun novo centro de saúde en Poio cun espazo estimado de 2.289 metros cadrados que inclúa novos espazos non existentes ata agora nas súas infraestruturas sanitarias, tales coma a área de Fisioterapia –con consulta e ximnasio– ou unha área de saúde bucodental con consultas de odontoloxía e de hixiene dental, así como un despacho para traballo social.

O incremento da superficie tamén permitirá que o novo centro conte con sala polivalente, sala de técnicas, consulta de docencia, despacho de coordinación ou salas de xuntas e de estar para os profesionais.

Comentarios