O Sergas recuperará o servizo de Pediatra dous días á semana en Cerdedo-Cotobade

A xerencia da Eoxi deu cunha solución para a falta de profesional que había neste municipio desde que a titular da praza colleu unha excedencia
Cubela sanidade
photo_camera O alcalde con José Flores e Dolores Pan. D.P.

O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, anunciou que se está a xestionar desde a Área Sanitaria a prestación de consulta de Pediatría de Atención Primaria neste Concello dúas tardes á semana xa para o mes de novembro.

O anuncio realizouse no transcurso dunha reunión, este martes pola mañá entre o xerente, asubdirectora asistencial da área médica, Dolores Pan, e o alcalde, Jorge Cubela.

O xerente indicoulle ao rexedor do Concello de Cerdedo-Cotobade que persiste o condicionante de paro cero nas especialidades de Pediatría e Medicina Familiar e Comunitaria, de tal xeito que a ausencia destes profesionais para contratar xenera atrancos para efectuar coberturas con continuidade en varios concellos desta área de saúde, ao igual que no resto de Galicia e de España.

Non obstante, Flores Arias reiterou o firme compromiso do Servizo Galego de Saúde para continuar coas xestións administrativas posibles dende a Àrea Sanitaria de Pontevedra e O Salnés para acadar novas coberturas de profesionais de Atención Primaria nos centros de saúde do Concello de de Cerdedo-Cotobade.

As peticións sobre o servizo de Pediatría repítense desde que, hai uns meses, a titular de praza se foi en excedencia. Inicialmente foi substituída por unha pediatra do centro Virxe Peregrina, pero esta persoa tivo unha baixa médica que volveu a deixar o servizo totalmente desprovisto. A nova organización permitirá que, prolongando algunha xornada pola tarde, as cartillas sanitarias de menores en todo o concello volvan estar atendidas, evitando desfases nas revisións de idade, e, igual de importante, o colapso das Urxencias pediátricas de Pontevedra ante calquera inicidencia na que os nenos e nenas non poden ser atendidos no seu propio municipio.

Comentarios