O servizo de recollida de voluminosos de Poio medra ata os 700 usuarios en 2021

O primeiro semestre do ano pecha cunha media de 30 chamadas diarias e 120 retiradas de residuos de gran tamaño ao mes
undefined
photo_camera O abandono de restos en lugares públicos está penado económicamente. DP

Acabar coa proliferación do abandono de restos en lugares públicos do municipio é o obxectivo do servizo de recollida de voluminosos de Poio, que depende da área de Servizos Municipais, e que no primeiro semestre do 2021 experimentou un importante incremento con respecto ao exercicio de 2020.

Deste xeito, segundo o balance da tenente de alcalde e responsable desta área, Chelo Besada, entre os meses de xaneiro e xuño de 2021 leváronse a cabo máis de 700 recollidas, cunha media mensual de 120 retiradas de residuos de gran tamaño de domicilios particulares. Ademais, os responsables desta prestación recibiron preto de 30 chamadas diarias por parte da veciñanza, solicitando o traslado de todo tipo de restos, entre os que se atopan colchóns, mobles, electrodomésticos, bombillas, pilas, roupa e chatarra.

Trátase de "residuos que, ou ben polo seu tamaño ou pola imposibilidade que poden ter os seus propietarios á hora de trasladalos, chaman para que se efectúe a recollida", indica a tenente de alcalde, que entende que o bo funcionamento deste servizo demostra "o compromiso que existe pola meirande parte da cidadanía no que á concienciación do respecto ao medio ambiente se refire, xa que é moi importante que estes restos reciban un tratamento axeitado".

En total, durante o primeiro semestre recibíronse 720 peticións para facer uso do servizo. O mes de abril foi o de maior afluencia, con 145 chamadas. En ocasións, estas chamadas tamén se realizan por parte de particulares para solicitar información. Tanto en xaneiro como en febreiro rexistráronse 114 chamadas, por 113 en marzo, mentres que en maio e xuño foron 116 e 118, respectivamente.

O incremento con respecto a 2020 percíbese especialmente comparando os primeiros catro meses, de xaneiro a abril. Nese tempo, o aumento foi dun 25%, segundo se recollen nos informes elaborados polos responsables deste servizo. "Estamos a ter unha media diaria de preto de 30 chamadas, o cal amosa o interese da xente por facer uso desta prestación", indicou a tenente de alcalde, que explica tamén que "moitos veciños e veciñas" adoitan poñerse en contacto co servizo "para solicitar información".

Comentarios