Servizos Sociais asistiu a máis de 400 familias de Poio en 2020

O SAF xa conta con máis de 50 usuarios, mentres que o Fondo de Emerxencia Social auxiliou a 363 familias en risco de exclusión
A edil Rosa Fernández. DP
photo_camera A edil Rosa Fernández. DP
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio vén de afrontar un ano 2020 no que se sentiron as consecuencias da pandemia, e no que asistiu a máis de 400 familias do municipio a través dos diferentes servizos

Neste contexto, o Fondo de Emerxencia Social prestou axuda a un total de 363 familias, cun investimento que superou os 65.000 euros anuais, e que supón o dobre do que figuraba inicialmente no Orzamento do pasado exercicio. Así, a edil de Benestar e Mocidade, Rosa Fernández, valorou que "a pandemia deixou a moita xente nunha situación económica moi precaria, de aí que apostásemos por ir aumentando o fondo de xeito periódico". A través desta acción sufragáronse custes de primeira necesidade para veciños e veciñas que non dispoñen de recursos para facer fronte a compras de produtos de primeira necesidade, alimentos, facturas de consumo eléctrico ou alugamentos, segundo indicou a concelleira.

Outro dos servizos que xogaron un importante papel no pasado ano foi o de Axuda no Fogar (SAF), do que se benefician máis de 50 familias en Poio. Neste eido, o investimento para levar a cabo a prestación supera os 400.000 euros, dos que o Concello achega máis de 83.000 das arcas municipais, que se suman á subvención de 323.000 euros da Xunta de Galicia. Ademais, o departamento poiense investiu preto de 4.000 euros noutro tipo de recursos, tamén para as familias máis necesitadas. "Continuaremos traballando para que ningún veciño ou veciña que acredite atoparse nunha situación de risco económico ou exclusión quede desamparado", asegurou Fernández, que tamén lembra que dende a Casa Rosa desenvólvense outras iniciativas pensadas para servir á cidadanía, como o asesoramento a 200 familias na revisión das Pensións Non Contributivas. Ademais, atópanse en funcionamento programas como Saudemente, que se adaptou á pandemia con reparto de material a domicilio, e Ata máis ver, a través do que se contacta de xeito periódico coas persoas maiores que viven soas.

Para este ano 2021, o investimento destinado a Servizos Sociais superará o 1,2 millóns de euros, tal e como figura no Orzamento municipal aprobado inicialmente en xaneiro. O Fondo de Emerxencia experimentou un forte crecemento ata os 50.000 euros, e "aumentarase se é preciso".

Comentarios