Setga realizará a substitución de 2.500 luminarias no concello de Poio

O edil de Urbanismo anuncia o inminente inicio das obras, que teñen un orzamento de 918.000 euros e que permitirán un aforro engadido de 70.000 euros ao ano en consumo
                      O edil, na rúa que dá acceso ao Consistorio, a Alameda e o Mosteiro de Poio.
photo_camera O edil, na rúa que dá acceso ao Consistorio, a Alameda e o Mosteiro de Poio. DP

A renovación de preto de 2.500 luminarias en todo o concello de Poio dará inicio en próximas datas. A actuación, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo está financiada nun 80% a través de fondos xestionados ante o IDAE, mentres que o 20% será asumido polo propio Concello.

O edil de área, Gregorio Agís, explica que, previo a estes traballos, foi precisa toda unha tramitación previa, que finalizou coa adxudicación do proxecto á empresa Setga, por ser esta a que presentou a mellor oferta no concurso de licitación.

O orzamento total ascende a 918.000 euros, IVE engadido, e o concelleiro destaca que "esta é unha proposta que consolida e reafirma a filosofía que vimos marcando desde hai anos no que ao consumo eficiente e aforro enerxético se refire". Agís incide en que, ademais dunha mellora substancial do servizo, a instalación das novas luminarias led tamén suporá un aforro no consumo eléctrico.

Tal e como figura nos informes elaborados polos técnicos, estímase que o aforro que se acadará unha vez finalizada a instalación total chegará a preto dos 70.000 euros anuais. "Estamos a falar dunha actuación de vital importancia, nun contexto no que o prezo da luz pode chegar a oscilar de xeito notable en prazos moi curtos de tempo", indica.

Estes traballos permitan dar un paso máis de cara ao cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030 en eficiencia, sostibilidade e respecto polo medio. Estes traballos deberán estar rematados antes do 30 de setembro. "Este é un paso definitivo para renovar o 100% do alumeado municipal".

O número total de novas luminarias rolda os 6.000 aproximadamente, indica o concelleiro.

O plan Ecoinnova ofrece outra charla
Dentro das liñas de actuación impulsadas desde a Concellería de Promoción Económica e Urbanismo para fomentar a eficiencia enerxética tamén se atopa o programa EcoInnova Poio, a través do cal se ofrece asesoramento e charlas informativas sobre pautas de aforro e ferramentas para reducir a factura da luz.

Mañá mércores, ás 20.00 horas, terá lugar unha nova xuntanza, no Centro de Formación da Reiboa. Son citas abertas e gratuítas, ás que se pode asistir enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando ao teléfono 625 120 475.

Comentarios