Silva e Sobral poñen en valor a transformación na Seara, que recuperou o carácter "real"

A presidenta da Deputación e o alcalde de Poio visitaron a obra en varias rúas de San Xoán que formaban o antigo Camiño Real da vila
A presidenta provincial e o alcalde, no centro, no percorrido polas rúas recén renovadas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A presidenta provincial e o alcalde, no centro, no percorrido polas rúas recén renovadas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral, volveron a pór en escena este mércores a boa sintonía que acadaron as dúas institucións no desenvolvemento de proxectos que Silva calificou, no marco da súa visita ao contorno da Seara, como "transformadores" para as localidades.

A zona na que se mantivo este encontro en concreto foi o espazo renovado mediante varias actuacións nas rúas Travesía Seara, Segunda Travesía Seara e Camiño Casal, en San Xoán, e o fío condutor deste traballo –que acumulou en total un investimento de máis dun millón de euros– foi a dotación de plataforma única acorde co espazo e a renovación de servizos en todo o espazo e o fomento do uso peonil de todo este vieiro.

O alcalde, Luciano Sobral, recoñeceu na intervención que "as ideoloxías están ben, pero sobre iso está o ben común", definindo así a intención das dúas administracións no proceso de cooperación iniciado en Poio. Deste xeito, o Concello sumou fondos do Plan Concellos a outras prestacións provinciais, mentras que a Deputación puido primar este investimento, ao corresponderse con valores como a potenciación do uso peonil dunhas vías que nas súas proximidades concentran moitos puntos de destino necesarios para a cidadanía, desde o Mosteiro e o Concello, ata a zona da Seca onde hai un colexio e varias instalacións deportivas.

Tamén foi Luciano Sobral o que lembrou que nese contorno facía falla unha intervención pensada, dada a propia historia dos viais. "Por aquí pasa o Camiño Real, a antiga vía que unía Pontevedra con Poio e Poio co Grove. Non se conserva íntegro, pero existe o Camiño Real de San Xoán, que é este, o de Combarro, o de Chancelas... O que se quixo foi dar un acabado que tivese que ver con ese Camiño Real".

O rexedor, que contou con representantes de todos os partidos que integran o tripartito de Poio, volveu agradecer no nome da Corporación poder contar con esta obra e, sobre todo, "cunha liña de investimentos clara e transparente" á que acceder na defensa de proxectos de maior calado que os que normalmente se poden acometer con fondos exclusivamente locais.

Carmela Silva, pola súa banda, destacou na súa intervención que este traballo ben pode simbolizar a liña proposta pola entidade provincial, polo feito de aplicar crieterios de mobilidade sostible, e equidade entre as localidades, ao "traballar en todas as parroquias e dar a todos servizos, equipamentos e dereitos e vivir en espazos tan bonitos como este núcleo".

A presidenta destacou o poder transformador do acondicionamento, precisamente, porque "ademais da plataforma única, tamén se renovou o saneamento, a iluminación que aforra os custes e que respecta o medio ambiente". Asemade, recoñeceu que as propias vivendas da zona gañan valor, dada a mellora estética do conxunto, e que o entorno quedou "como se fora outro lugar" grazas a esa aposta.

Máis dun millón en 1,6 quilómetros
A actuación contou con 660.000 euros na mellora da mobilidade e da seguridade viaria, cunha achega de 500.000 euros a través do plan DepoRemse e outros 160.000 do Plan Concellos. Ademais, outros 170.000 euros do mesmo plan, pero da anualidade 2021, permitiron intervir na Travesía Seara Primeira.

A recuperación do Camiño Casal chegou grazas a 180.000 euros, tamén do Plan Concellos 2021. En total, dotouse de plataforma única un espazo de máis de 1.600 metros liñais nos que se eliminaron as barreiras arquitectónicas, se creou unha plataforma única con prioridade peonil, mellorouse o firme e renovouse con lastros de granito, reduciuse a velocidade a 30 quilómetros por hora, renováronse os servizos de alcantarelado e abastecemento, instalouse iluminación LED e eliminouse cableado.

Comentarios