O novo mandato... en Poio

"Combarro é un pobo vivo, hai que conservar a autenticidade e fuxir do escaparate"

A edil de Avante Poio repasa os primeiros meses de mandato, marcados polo cambio para ela, pero tamén para a Corporación. Silvia Díaz aférrase a un equipo "cunha maior unión", e anuncia a chegada inminente dun novo Plan co que pretende minimizar a problemática do aparcamento no municipio
Silvia Díaz, no seu despacho no Concello de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera Silvia Díaz, no seu despacho no Concello de Poio. DAVID FREIRE

SILVIA DÍAZ é a terceira peza que encaixa o tripartito de Poio. Dende a súa chegada ao Concello, a segunda tenente de alcalde quixo abrir "novas vías" como a Concellería de Participación Veciñal, que xestiona xunto ás de Turismo e Igualdade.

Atopa diferenza entre este Goberno e nos que viviu antes?
Desta volta vexo un cambio bastante grande. Creo que a entrada de Avante Poio no equipo de Goberno foi boa, e hai un enfoque totalmente distinto, unha maior apertura na coordinación entre o equipo. O equipo de persoas que está á fronte do Goberno de Poio ten unha maior unión, por paradóxico que poida parecer sendo un tripartito, e iso permítenos estar máis ao día, coñecedores das necesidades que hai, para dar unha resposta máis áxil.

Quería traer o cambio ao Concello. Que medidas está a tomar?
Estamos traballando na apertura do Concello e en fomentar a participación da xente nas cuestións da política local. Unha das primeiras medidas nas que estamos traballando é a constitución do Consello de Participación Veciñal. Xa existiu no seu día, pero hai que facer un novo regulamento, e estamos estruturando como se vai organizar. Farémolo co coñecemento e o consenso de todas as forzas políticas que forman a Corporación. Creo que é unha área importante, porque nos permitirá ir sobre seguro á hora de tomar decisións.

Por que decide asumir a concellería de Igualdade?
A área de Igualdade de sempre estivo ligada con Servizos Sociais e Mocidade. E lévase facendo un traballo excelente do que estamos moi orgullosos. O que sucede, é que Igualdade ten que ser tan transversal que pensamos que era o momento de xestionala por separado, para poder ter Igualdade como unha prioridade.

En materia de Igualdade, que pode facer un Concello coma o de Poio?
O primeiro paso que pode dar unha muller é acudir ao noso Centro de Información á Muller. Alí temos servizos xurídicos e psicolóxicos, e vana arroupar. Nos poñemos todos os medios para axudala nese primeiro momento e asesorala durante todo o proceso sobre as medidas que pode adoptar.

Cales son os vindeiros retos de cara á xestión do Turismo en Poio?
Poio está declarado como un municipio de Interese Turístico, e temos un potencial enorme nese sentido. Combarro é a nosa xoia da coroa a nivel patrimonial, pero o reto vai ser tamén poñer o foco de atención noutros atractivos que temos no concello, sobre todo coa intención de desestacionalizar, aínda que é complicado, e tamén de aumentar o tempo de estancia no noso concello, é dicir, pasar de ser un lugar que se pode visitar en dous ou tres días a ser un destino con máis actividades.

Prevese algunha medida en canto ao aparcamento para facer o turismo máis fluído de cara ao verán?
É unha problemática máis visible en Combarro nos meses do verán, pero dende o Concello estamos a traballar nun Plan para as cinco parroquias. Se aumentamos prazas de aparcamento, vaise volver a saturar, polo que hai que camiñar cara unha sociedade que fomente outro tipo de traslados que non sexan o coche, dunha maneira racional e lóxica. O delicado de Combarro é non contribuir a masificalo máis, porque alí tamén viven veciños, e hai que coidar iso para conservar a súa autenticidade. Combarro é un pobo vivo e hai que fuxir do escaparate.

Comentarios