Sobral, "satisfeito" co San Xoán 2021, encomenda o seguinte á recuperación das verbenas

Á beira de 700 persoas asistiron aos concertos da Seca, cun éxito rotundo para Nelson Quinteiro, nun contexto "complicado" no municipio
Nelson Quinteiro conseguiu poñer ao seu público en pé o domingo. DP
photo_camera Nelson Quinteiro conseguiu poñer ao seu público en pé o domingo. DP

O Concello de Poio vén de pechar unhas festas de San Xoán que saíron adiante nun contexto que o alcalde, Luciano Sobral, calificou de "complicado" no municipio, debido ao progresivo aumento de casos de covid-19 na última semana, algo que, afirmou, "tamén axudou á hora de que a xente se mostrara máis precavida á hora de saír da casa".

A pesar disto, mostrouse "satisfeito" no que foi o segundo ano "atípico" consecutivo na celebración do Patrón de Poio, e no que a grande novidade foi a recuperación do espazo da Seca para a celebración dos concertos grandes que lograron reunir entre todos arredor de 700 persoas na explanada, cun éxito rotundo para Nelson Quinteiro o pasado domingo, que puido colgar o cartel de aforo completo.

"Nelson sempre funciona en Poio pola cercanía que ten co municipio", valorou Sobral, que tamén deu conta do bo resultado do concerto de Susana Seivane, que se celebrou o venres con máxima afluencia, e que completaron o xoves Lucía Pérez, ao 50% da capacidade do recinto, de 250 localidades, e Gustavo Almeida o sábado. Os actos no Mosteiro e as actividades en diferentes lugares do municipio funcionaron sen sobresaltos e "ben segundo as expectativas, dentro do previsto".

As segundas festas de San Xoán marcadas pola pandemia deixan no Consistorio a vontade de regresar á normalidade o vindeiro ano, no que previsiblemente volverá haber verbenas. "Nesta edición quixemos dar un paso adiante con respecto ao anterior e ofrecerlle unha oportunidade á música e á cultura, que se vexa que estamos vivos e que San Xoán segue aí. Non puido haber nin fogos nin verbenas, que son unha parte moi importante das festas, que a xente goza moito, e as orquestas levan dous anos sen traballar. Non sería boa nova un San Xoán no que non haxa verbenas", asegurou o alcalde, quen tamén adiantou que o vindeiro 2022 procurarase manter o formato de "música do país. Grupos galegos, e tamén retomar as verbenas, que tamén é algo do país, e que non nos é alleo", afirmou.

A clave do vindeiro San Xoán, anticipou, será a música "mixta. Tanto nas festas como no Festival Armadiña e no verán procuramos que Poio conte todo tipo de grupos. Hai un compoñente moi importante de actividade cultural e música galega e de orquesta, e en principio a aposta é manter este formato pero xa dentro dunha normalidade".

O San Xoán 2021, que se celebrou sobre todo "nun entorno familiar", conseguiu congregar a unha media de entre 30 e 40 persoas nas actividades que se desenvolveron por todo o municipio.

Comentarios