Cruce de acusacións entre o BNG de Poio e a Xunta a conta do servizo de transporte público para o alumnado do IES local. O BNG solicitou ao Goberno local que "non sexa cómplice da Xunta de Galiza" e inste á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á empresa de transporte Monbús, "a que aumente o servizo de liñas de transporte integrado para dar resposta ao alumnado e Bacharelato e que cada día vive con incerteza poder acceder ao transporte".
O BNG denunciou que "xa ano pasado dende o BNG denunciabamos irregularidades da empresa Monbus respecto do abandono de alumnos de ensinanza obrigatoria nas paradas establecidas".
Este ano, lonxe de mellorar a situación, "continúan as deficiencias no servizo de trasporte integrado, neste caso provocando que o alumnado de Bacharelato non poida dispor dun servizo diario de transporte para desprazarse ao seu centro educativo" e "converténdose o seu desprazamento nunha lotaría cada mañá, porque vai depender da parada ou da capacidade do autobús", o cal "provoca, que alumnos teñan que baixarse tras subir ao transporte ou directamente non poidan acceder" e "causa situacións de caos e incomodidade e incluso tensións entre os usuarios. Do mesmo xeito, tamén sobrecarga o autobús tendo que ir alumnos de pé ou sentados fóra do asento".
RESPOSTA. A Xunta, ante estas queixas lamentou "a actitude do grupo municipal do BNG de tratar de xerar confusión", ao entender que "a voceira municipal do BNG, nun claro exercicio de demagoxia, mestura nas súas declaracións o transporte dos alumnos de ensinanza obrigatoria, con dereito a transporte escolar que teñen garantida a praza a través de reserva, cos alumnos de Bacharelato a FP, que sen ter reserva de praza, poden viaxar gratuitamente nos autobuses da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova".
En Poio, 840 menores de 21 anos que dispoñen deste dispositivo para viaxar de balde no autobús da Xunta e a Dirección Xeral de Mobilidade di que non ten constancia de queixas sobre o servizo.
A Xunta engade que lle "sorprenden as afirmacións da voceira do BNG cando o propio centro escolar, o pasado 11 de setembro, coincidindo co inicio do curso, remitía un escrito trasladando as felicitacións por como se tiña organizado o transporte, que cualificaba de “exemplar”, xa que os autobuses estaban "esperando, preparados e perfectamente identificados" .
Ademais, afea o descoñecemento do BNG do regulamento de circulación, que si permite o transporte de persoas de pé nos autobuses autorizados, como así se recolle na propia ficha técnica deses vehículos.