martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

"Se a solución dependera da acción policial, o problema do Vao estaría resolto"

Marga Caldas. GONZALO GARCÍA
Marga Caldas. GONZALO GARCÍA
A edil Marga Caldas está orgullosa de como traballa o equipo de resposta á emerxencia sanitaria, preocupada polo tecido económico de Poio e planificando o seu paso a traballar ao 100% no Concello

Vén de anunciarse que será destinataria da adicación exclusiva de Sobral no tripartito. Como será o seu paso de compatibilizar a vida laboral coas concellerías, ao traballo en exclusiva para o Concello?

Quen me coñecía sabe que adico todo o que podo ao Concello e que sempre intentei compatibilizalo o mellor posible todo. Este cambio permitirame estar no día a día do Concello. Pola mañá é cando funciona a vida administrativa activa. Non quere dicir que anos atrás non se xestionara, pero estar nesa franxa mellorará a coordinación, o traballo, a implicación... Economicamente non varía nada.

Preside a comisión para coordinar a resposta á pandemia. Como está sendo agora ese traballo?

O venres 13 de marzo reuniuse informalmente por primeira vez o que ía ser a comisión. Aínda non estaba declarado o estado de alarma. O operativo formárono Policía Local, Protección Civil e persoal do Concello. Ese operativo mantívose activo durante toda a crise, aínda que na desescalada baixou ese ritmo de emerxencia e seguemento exhaustivo. Estivemos todos os días ao pé do canón e foi un gran equipo, a verdade, que destacou pola adicación e traballo.

Cal é a principal fronte aberta, unha vez que estamos inmersos na desescalada desta crise?

Está claro que é imposible controlar a volta á normalidade sen que cada un sexa responsable dos seus actos. Volvemos a unha realidade nova. Niso estamos traballando agora. Sobre todo na normativa e na cooperación transversal de todos os departamentos para esta nova etapa. A prioridade? O virus segue estando aí e a xente ten que ser moi responsable. Nadie quere ter que volver a estar confinado despois de todo o que xa se pasou.

"Temos que activarnos desde o minuto un. Relanzar a economía con todo"

Poio está preparado para o golpe económico que supuxo esta crise?

Agora vén o día despois a tres meses de parálise e cos mesmos gastos. Temos que activarnos desde o minuto un. Temos que relanzar a economía con todo; cultura, deporte, promoción. O consumo solo volverá se hai unha actividade que temos que promover como institución. Ademais, Poio é un municipio turístico, e canto mellor fagamos as cousas, mellor nos verán como destino seguro, pero sempre con moita precaución.

O mantra do PP é que hai "tres alcaldes". Pensa que lle dará a vostede a categoría de cuarto alcalde?

Non sei que pasará nin que dirán. Ese debate é pouco serio e oportunista. A oposición pode dicir o que considere. Non me preocupa, preocúpame facer políticas serias.

As súas áreas son de peso, e máis se sumanos a coordinación da covid-19. Hai quen a ve como a delfín de Sobral. É vostede a sucesora?

Eu débome a meta de ser útil para traballar polos veciños, sobre todo de modo exhaustivo a partir de agora. Que se son a delfín? Non o pretendo. Luciano meréceme todo o respecto, é un líder nato e estou agradecida de traballar ao seu lado. El ten o compromiso de seguir ata o final do mandato e así será. Logo sobre o de sucesora, mire, eu levo 20 anos militando no BNG e o BNG é unha organización asamblearia, así que estarei onde a organización decida.

"Milito desde hai 20 anos no BNG, que é asambleario, e estarei onde a organización decida"

Hai un mes da emboscada no Vao. Van, desde entón, varios operativos policiais. Este é o nivel de presión que quere Poio na zona?

Toda esa acción policial e as que fai a Garda Civil non é nova. E é moi necesaria, claro. Pero se a solución dependera da acción policial o problema do Vao estaría resolto. Están ben as redadas, pero o problema segue aí unha vez que pasan e iso demostra que a acción policial non chega en exclusiva. Sábeno tamén as forzas da orde. Hai que facer unha reflexión máis profunda.

Algunha pista?

No Vao hai un foco marxinal, tráfico de drogas e moitas vertentes que non afectan en exclusiva a Poio. Non pode ser que un Concello teña que abordar e asumir esta problemática para a que non ten competencias. Hai que dar o golpe na mesa e dicir é un problema que necesita da implicación de outras administracións.

A Policía de Poio seguirá resolvendo incidencias no poboado sen unha segunda forza de reforzo?

Seguen indo, facendo controis e estando alí onde haxa que garantir a seguridade. O ataque de hai un mes foi un punto de inflexión, e o que cambiou foi que se iniciaron accións legais e no eido social e urbanístico, seguiremos coa premisa de «mesmos dereitos, mesmas obrigas». Nin máis nin menos.

Nunca falta quen diga que o poboado ten peso electoral e por iso ninguén o acaba de erradicar...

Non escoitei a ninguén, partido político ou administración, que dera unha solución. Cando a houbo (os realoxamentos), tentouse, pero non funcionou. Non se pode dicir que Poio no queira, senón que non é problema só do noso Concello.

"A idea é que volvan as escolas de base en setembro"

Como pensa que vai ser o verán a nivel Concellería de Deportes? Haberá actividades para nenos e recuperarase en outono o deporte de base?

Estamos suspendendo os eventos deportivos na súa maioría, de momento. Non dan a garantía de manter as medidas de seguridade requeridas polo de agora. Non o sei como será no verán e tampouco podo aventurar que pasará en setembro. O deporte base ten que volver, iso témolo claro e a nosa idea é que poida facerse. E os eventos deportivos igual. Non só polos clubes, senón porque cos eventos vén xente e se chega xente, consume; ou se veñen participantes, mesmo pernoctan no noso concello. A idea é que volvan as escolas de base en setembro. Na fase tres, dentro case dun día, reabriremos as instalacións deportivas para que os equipos federados poidan volver e o resto irase vendo. Tamén hai que dicir que as axudas non se conxelaron no estado de alarma. Os clubes seguen con gastos e os ingresos, ao parar a actividade, pararon, así que é importante que conserven, polo menos, estas achegas.

"Se a solución dependera da acción policial, o problema do Vao...
Comentarios