Soutomaior estreará este sábado a súa programación de Nadal

O Concello contará cun mercadiño en Talo Río, moitas actividades musicais e unha proposta solidaria para recadar alimentos a cambio de actividades
O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira Rosana Comesaña. DP
photo_camera O alcalde Manu Lourenzo e a concelleira Rosana Comesaña. DP

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Comercio e Hostalería, Rosana Comesaña, presentaron o programa de actividades para o Nadal de Soutomaior, que terá como lema O Nadal das Persoas.

A programación de Nadal comezará en Soutomaior este sábado 2 de decembro co acendido das luces, no que haberá moitas sorpresas. A axenda da xornada virá marcada por unha mostra de produtos de Nadal das Anpas do CEIP Manuel Padín Truiteiro e do CEIP de Ponte Sampaio en Talo Río, as audicións da Escola de Música da Banda Artística de Arcade ás 17.30 no Multiusos, e dende ese punto, ás 18.30 arrancará o pasarrúas Par de Dous, de Hípica Celta, que irá ata Talo Río.

Será ás 19.30 na Alameda onde terá lugar o acendido de luces coa colaboración dos centros de maior Boas Apertas e de SoutoMaiores. A partir das 20.30 La Duendeneta será a encargada de encher de maxia a alameda de Talo Río.

Dende o 2 de decembro ata o 7 de xaneiro haberá actividades e obradoiros de todo tipo. As novidades máis destacadas nesta edición do Nadal está a Mostra de Artesanía que se instalará en Talo Río do 16 ao 23 de decembro que se encherá de propostas e de talleres de lecer. No mesmo lugar haberá unha casiña moi especial que dará acubillo ás visitas do Apalpador, Papá Noel e a Carteira Real. Tamén será novidade a primeira edición da Carreira San Silvestre Fest, para público familiar, que se desenvolverá o 30 de decembro.

Reis Magos. O día 5 de xaneiro virá cargado de moitas citas que comezarán ás 10.30 no concello cun contacontos de Tamara Campos, a recepción e visita do Reis Magos no concello ás 11.00 horas e a posterior visita aos barrios de Soutomaior. Xa pola tarde ás 17.00 terá lugar a Cabalgata de Reis dende o Calvario ata Talo Río, e, a partir das 18.00 horas, comezará a recepción real na Alameda de Talo Río.

Por outra banda, xa está aberto o prazo de inscrición para o campamento de conciliación de Nadal do concello de Soutomaior os días 26, 27, 28 e 29 de decembro na web do Concello. O prazo de inscrición exténdese ata ás 14.00 h. do 7 de decembro e está destinado a crianzas de 3 a 14 anos.

Solidariedade. A pegada solidaria de toda a sociedade de Soutomaior estará moi presente este Nadal, entre outras cousas, con propostas como o voluntariado municipal Ao teu carón polo que nenos e nenas farán nos centros escolares agasallos para que cheguen aos centros da terceira idade; así como a proposta Nadal Solidario na que moitos dos talleres de aprendizaxe terán como pago a doazón dun quilo de alimentos, de modo que estes se poidan doar a persoas en situación de vulnerabilidade social. Do mesmo xeito, apostarase polo compromiso co comercio local, cunha campaña específica para reforzar a presenza da oferta dos comerciantes do municipio nesta época.

Comentarios