Soutomaior leva un ano sen Pediatría, segundo o BNG

A formación considera que nestes doce meses, "a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza"
Sala de espera de consultas de pediatría. AEP
photo_camera Unha sala de espera de consultas de pediatría. AEP

 O concello de Soutomaior leva desde novembro de 2022 sen pediatra no centro de saúde de Arcade. Así o denuncia o BNG local, que recorda que a decisión do Sergas "de non cubrir a baixa da anterior facultativa que ocupaba a praza" está detrás desta situación de precariedade. A formación considera que nestes doce meses, "a Xunta obviou as numerosas queixas da veciñanza do noso concello e as peticións do BNG para buscar unha solución a esta situación".

Do mesmo xeito, entende que "optou por poñer parches a este problema, facendo que o centro de saúde compartise pediatra algúns días con Vilaboa ou que médicos de Atención Primaria atendesen os casos de pediatría, pero que en ningún caso supoñen unha solución real".

As principais consecuencias desta falta de solución para o problema da Pediatría en Arcade foi o incremento dos periodos de agarda, ata durar varias semanas, "o que obrigou a moitos pais e nais a levar aos seus fillos a Pontevedra para que puidesen ser atendidos".

A veciñanza leva anos a sufrir a falta xeneralizada de persoal médico no centro de saúde de Arcade, xa que o noso concello só conta con tres facultativos. Isto provoca que Soutomaior teña unha ratio de atención de un médico para cada 2.500 persoas, moi por enriba do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). A nacionalista e concelleira de Sanidade, Rosana Martínez, explicou que "dende o Goberno local de Soutomaior estamos a traballar para que en 2024 o centro de saúde de Arcade conte cun médico máis, pasando de 3 a 4. É fundamental que o servizo de Pediatría tamén se reforce e a Xunta garanta que os nenos e nenas do noso concello van poder ser atendidos por un ou unha pediatra no seu concello, sen ter que desprazarse a Pontevedra ou agardar varias semanas". Por este motivo, o BNG de Soutomaior presentou unha enmenda aos orzamentos da Xunta para esixir ese aumento de persoal no cadro do centro de saúde.

Comentarios