Soutomaior ofrecerá campamentos de surf e inglés no mes de xullo

O prazo de inscrición nos dous campamentos impulsados polo Concello de Soutomaior abrirase o 1 de xuño
Actvidades Mocidade Soutomaior
photo_camera Actvidades coa mocidade de Soutomaior celebradas recentemente. D. P.

A edil de Mocidade de Soutomaior, Rosana Martínez Boullosa, presentou os campamentos de verán para a época estival para as mozas e mozos de 12 a 17 anos. As inscricións, para ambos campamentos, serán en liña e estarán abertas do 1 ao 20 de xuño.

O primeiro destes campamentos terá lugar do 15 ao 18 de xullo e será o San Simón Camp, encontro da mocidade de inmersión lingüística en inglés na illa de San Simón. O principal obxectivo das actividades que se programan é que a mocidade participante se divirta mentres aprende un idioma estranxeiro.

O equipo de monitores converterá o inglés no idioma vehicular en todos os momentos do día, procurando que o campamento se realice 100% en inglés. Para as actividades English project os grupos organizaranse por nivel de competencia. A cita terá un custo de 50 euros para as persoas empadroadas e de 145 para os non empadroados.

O outro dos campamentos será o Campamento de Surf, unha cita que se desenvolverá do 27 ao 31 de xullo na praia de Razo en Carballo. O campamento vai enfocado este ano a descubrir a mellor forma de gozar do surf.

A escola Art Surf Camp ofrece clases de surf con monitorado altamente cualificado. Os grupos organizaranse por idades. Unha cita para a que haberá 49 prazas e terá un custe de 70 euros para as persoas empadroadas e de 250 para os non empadroados.

As prazas (49 para cada unha das propostas) cubriranse por orde de inscrición e que terán preferencia as persoas empadroadas no Concello.

Comentarios