Soutomaior, en pé de guerra solidario para axudar á familia damnificada por un lume en Lourido

Varias asociacións veciñais, comunidades de montes e Cáritas recadan fondos para reconstruír a vivenda
Reunión en Soutomaior. DP
photo_camera Reunión en Soutomaior. DP

O Concello de Soutomaior vén de vivir unha semana e media de auténtico drama por mor de incendios en vivendas. Un deles, o máis recente, saldouse co falecemento dun veciño de avanzada idade e con danos materiais nun dos cuartos da vivenda, mentras que o outro, que tivo lugar a semana anterior, non contou con consecuencias mortais, pero si dramáticas. 

Ese fogo, que puido ter que ver coas fortes treboadas rexistradas na madrugada do sábado 9 de setembro, calcinou totalmente unha casa e só deixou en pé a cociña da vivenda anexa. A consecuencia do mesmo, unha persoa resultou ferida en pés e mans, con queimaduras e unha familia integrada por un home home e a súa nai, quedou sen vivenda, sen ningún dos obxectos que tiña na mesma, nin bens de primeira necesidade, como roupa ou outros efectos.

Apenas dez días despois daqueles dramáticos feitos, a cidadanía de Soutomaior ten claro que é preciso unirse e colaborar para axudar a estas dúas persoas, que de momento residen en unha vivenda emprestada para que poidan poñerse en marcha de novo canto antes. Con este obxectivo, o Concello e as asociaciós veciñais e locais, así como Cáritas, veñen de artellar unha ambiciosa campaña de recaudación de fondos coa que se pretende que a familia poida reconstruír a súa vivenda.

A Asociación Santo Anxo de Lourido é a que canaliza os fondos a traveso dun número de conta no que se poden facer os ingresos pero, como o que se pretende é chegar ao maior número posible de colaboradores, os que non queiran pagar polo banco poderán facelo entregando as cantidades aos representantes deste colectivo ou de calquera das 16 entidades e colectivos (asociacións, comunidades de montes e parroquias) que designaron a unha persoa responsable desta recadación. 

Despois dunha primeira reunión de todas estas asociacións co Concello (na que participaron os concelleiros de Réxime Interior, TIC, Persoal, Facenda, Policia Local e Voluntariado, Diego Moreira, así como a de Benestar Social, Rosana Martínez e Rosario Bouzón, responsable de Asociacións e Comunidades, decidiuse que, ademais desta recolecta (ES82 3070 0047 9863 7005 7124), todos os colectivos que así o queiran contarán con apoio para organizar eventos benéficos en favor desta causa. O primeiro deles, de feito, xa está convocado: será o torneo solidario de bolos celtas convocado pola asociación local Lume nos cús, o vindeiro 1 de outubro. O custo de recadación será de dez euros por participante e todo o conseguido irá destinado a esta causa. 

Pola súa banda, o Concello vén de completar o proceso de alugueiro para poñer a disposición dos afectados unha vivenda na propia localidade de Lourido. Esta está sendo posta a punto e recibindo as últimas equipacións e mobles antes de que poidan ocupala. Nela poderán residir por conta do Concello ata que se solvente a súa situación de emerxencia.