Ponte Caldelas rexeita por unanimidade calquera trasvase desde o río Verdugo

O alcalde, Andrés Díaz, asegura ademais que Augas de Galicia "en ningún momento se dirixiu" ao Concello "para ofrecer información algunha, nun acto de deslealdade institucional sen precedentes".

Pleno del Concello de Ponte Caldelas. DP
photo_camera Pleno do Concello de Ponte Caldelas. ADP

O Pleno do Concello de Ponte Caldelas aprobou este xoves, por unanimidade, unha moción que rexeita completamente calquera tipo de trasvase desde o río Verdugo ao sistema de Eiras-Oitavén, que abastece a preto dunha ducia de concellos no sur da provincia. 

O texto da moción aposta pola contundencia e elimina tamén calquera tipo de autorización a un bombeo provisional, tal e como se contemplaba no acordo inicial da Xunta de Goberno Local do pasado venres. Ponte Caldelas entende que "non se pode falar de bombeos provisionais cando se barallan obras cun custo que está en torno aos 5 millóns de euros", polo que deixa ben clara a súa oposición a todo tipo de trasvase, máis aínda cando carece de estudo de impacto ambiental.

O alcalde, Andrés Díaz, asegura ademais que Augas de Galicia "en ningún momento se dirixiu" ao Concello "para ofrecer información algunha, nun acto de deslealdade institucional sen precedentes".

O vindeiro domingo celebrarase unha marcha para mostrar o rexeitamento de Ponte Caldelas ao controvertido trasvase

O Pleno apoia a manifestación convocada polo Goberno local para este domingo 3 de decembro a partir das 12 horas na Alameda. A marcha sairá en torno ás 12.30 cara á praia fluvial da Calzada, onde se dará lectura a un manifesto expresando o rexeitamento de Ponte Caldelas ao controvertido trasvase. O lema será 'Non ao  expolio do Verdugo. Trasvase non, Natureza  si'.  Con todo, non será o único municipio que acollerá mobilizacións deste tipo, tamén o portavoz do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, confirmou este xoves que o seu grupo ten previsto organizar diferentes actos de protesta en contra da proposta impulsada por Augas de Galicia.

O grupo municipal do PP, a pesar do seu voto favorable á moción, anunciou que non participará na mobilización, cousa que si fará o Goberno local, composto polos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, xunto con diversos colectivos sociais que están a facer chegar o seu apoio.

O acordo plenario inclúe comunicar á Presidencia da Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente e a Augas de Galicia o rexeitamento a calquera tipo de trasvase dende o río Verdugo, así como a oposición a calquera obra, tanto no leito do río como no termo municipal para este fin.

Finalmente, o Pleno de Ponte Caldelas acorda, por cortesía institucional, dar traslado da moción aos concellos do sur da provincia que se abastecen do sistema Eiras-Oitavén, é dicir a Vigo, Baiona, Cangas do Morrazo, Gondomar, Moaña, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, O Porriño, Mos e Oia.

Comentarios