Tambo conta xa cun volume no que se aborda a súa historia e a súa pegada na ría

Claudio Quintillán e Lino Pazos asinan a obra máis completa sobre a illa, que se presentou este venres ► O Goberno avanzará na declaración de espazo ENIL ► A illa leva máis de 4.000 visitas este verán
TAMBO 1
photo_camera Os asistentes á presentación ante os restos da capela de Tambo. D.P.

A tenente de alcalde e concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, foi a mestra de cerimonias este venres na presentación do libro A Illa de Tambo na súa historia, dos autores Claudio Quintillán e Lino J. Pazos. Cochón destacou que esta é "a obra definitiva e máis completa sobre a illa" e chega das mans de dúas das persoas que, con toda seguridade, máis a coñecen.

A publicación dá conta das diferentes etapas da illa de Tambo ao longo dos séculos, desde as primeiras alusións documentadas no século X ata a situación actual de cesión ao Concello por parte do Ministerio de Defensa e, entre medias, os diferentes asentamentos relixiosos e de poboación, a súa etapa como lazareto ou o uso militar. O volume achega numerosa documentación de cada época, ademais de datos sobre a xeografía, a fauna, a orografía, as tradicións e lendas e  información detallada sobre todos os aspectos da illa.

"É un libro ameno e á vez profundo; ten precisión científica e é, ao mesmo tempo, apaixoado; dános datas, nomes, documentos e fontes pero dun xeito que permite sentirnos partícipes da historia…", subliñou Cochón, que lles agradeceu aos autores ter compartido o seu coñecemento enciclopédico sobre a illa pero tamén traballar na súa posta en valor e conservación xunto a particulares, asociacións e colectivos.

O Concello tamén preve avanzar no Plan de Usos para este territorio

Ademais de recoñecer o labor de investigación e divulgación dos autores, e os esforzos de particulares e colectivos por conservar a illa e recuperar o seu uso, a tenente de alcalde confirmou que desde o goberno local vaise seguir ofrecendo "traballo e xestión para seguir convertendo a illa nun referente cultural e natural único no mundo, que o será tamén do turismo sustentable".

Proba deste enfoque son as algo máis de 4.000 persoas que levan visitado a illa desde o 1 de xuño, cunha media de 50 persoas por visita: "Traballaremos con todas as administracións, persoas e colectivos para facilitar o desfrute da illa, preservando, mellorando e poñendo en valor o seu legado pero sempre priorizando a sustentabilidade", indicou.

A edil subliñou que nos próximos meses o Concello aproveitará a baixada na frecuencia das visitas para avanzar na solicitude da declaración da illa como Espazo Natural de Interese Local (Enil), así como no Plan de Usos, e na catalogación de bens culturais, sempre en colaboración coa Xunta —que xa ofreceu a súa axuda— e o resto de administracións.

Ademais, continuarase cos labores de posta a punto, seguridade e vixilancia e traballando xunto aos colectivos.

Pola súa banda, os autores agradeceron a colaboración do Concello porque supón reforzar o alto valor histórico, cultural, ambiental  dese enclave.

Claudio Quintillán é presidente da Irmandade Illa de Tambo, técnico superior en Xestión de Montes e Director do Instituto Galego das Terras Comunitarias. Unha figura moi relevante no activismo social e veciñal, ten ao seu nome numerosas colaboracións en prensa escrita e radio.

Lino J. Pazos é escritor en galego e castelán con preto de 50 libros e máis de 300 artigos publicados. Ademais desta obra a catro mans, Pazos é autor tamén do primeiro libro sobre a illa, Recordando a Thalavo, editado pola Deputación de Pontevedra en 1996. 27 anos despois, con esta obra conxunta, ofrecen a retrospectiva máis completa sobre este enclave único.

Para eles, A Illa de Tambo na súa historia "é unha forma diferente de entrar coa súa lectura nese territorio, porque o que pretendemos é transportar o lector de forma física a aqueles lugares que figuran nos seus textos, tendo para elo un importante apoio fotográfico recente, como se se tratase  dunha visita guiada".

Logo da presentación, á que asistiron tamén numerosos veciños e representantes de asociacións e colectivos, os asistentes puideron desfrutar dun breve percorrido pola illa coas indicacións duns guías de excepción, os propios autores.

Tambo 2

Visitas a Tambo

As visitas regulares a Tambo continuarán realizándose durante as próximas semanas en grupos limitados, acompañados por guía e accedendo polo peirao.

A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns dous quilómeros polos puntos de especial interese de Tambo. Cada visitante precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete dunha das navieiras que realizan a viaxe desde o porto de Combarro. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas conxuntas.

A data elixida para a presentación, o 29 de setembro, San Miguel, é a do patrón de Tambo e conleva unha especial significación na historia e tradicións do lugar: "Simboliza que do mesmo xeito que a illa está no centro da ría, tamén o está da nosa identidade e do relato do que somos", indicou a concelleira.

Comentarios