Tambo, illa soñada e á marxe da especulación

Expertos de distintas áreas diseccionaron o terreo e analizaron o seu futuro tras a desafectación
Un momento da xornada, que tivo a exposición de Sergio Portela como fío condutor. DP
photo_camera Un momento da xornada, que tivo a exposición de Sergio Portela como fío condutor. DP

O mosteiro de Poio acolleu o sábado nun dos seus claustros a xornada Tambo: a illa soñada, a illa posible, unha sesión temática para o coñecemento da historia da illa, a análise da súa situación presente e as posibilidades que se abren de cara ao seu futuro e ao proceso de desafectación da mesma.

A xornada contou cunha mesa redonda e un faladoiro vía streaming, nos que participaron diferentes expertos que, desde os seus respectivos eidos, achegaron a súa visión sobre este enclave da ría de Pontevedra.

O arquitecto Sergio Portela prestou o seu proxecto, do mesmo nome, para a exposición inaugurada no templo poiense, composta de 21 carteis que achegan todo tipo de información sobre as peculiaridades, características, retos e posibles actuacións a desenvolver en Tambo cando a súa titularidade deixe de depender do Ministerio de Defensa, trámite no que o Concello de Poio se atopa inmerso.

O profesor da Facultade de Ciencias do Mar Mariano Lastra, o doutor en Xeografía Gonzalo Méndez, o historiador Xosé Fortes e o representante do colectivo Irmandade Illa de Tambo Claudio Quintillán encargáronse dos relatorios desta xornada, ademais do artista plástico. Previamente, a concelleira de Turismo, Silvia Díaz abriu o acto destacando a importancia de "traballar en proxectos viables que perduren no tempo". Á súa vez, o titular de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguemento da Illa de Tambo, Gregorio Agís, tamén incidiu na importancia de "buscar os instrumentos axeitados para garantir a apertura deste enclave para a veciñanza". Agís definiu Tambo como "un recurso turístico, paisaxístico e histórico fundamental". Os dous dirixentes municipais tamén coincidiron á hora de destacar o labor que realiza a Comisión de Seguemento e a importancia de garantir a protección da illa a todos os niveis. "Quedará á marxe de calquera proceso especulativo", garantiu Agís.

Preto de 200 persoas conectáronse ao streaming destas conferencias. Ademais, durante o faladoiro tamén se ofreceu a posibilidade de achegar preguntas e dúbidas a través do chat, que foron resoltas polos expertos.

Gonzalo Méndez e Mariano Lastra falaron de aspectos vencellados á riqueza medioambiental, da fauna e da calidade dos fondos mariños que arrodean a illa. Posteriormente, tanto Xosé Fortes como Claudio Quintillán abordaron a parte social, falando da historia e da evolución que experimentou a illa co paso dos séculos, referíndose aos asentamentos existentes en diferentes épocas e ás lendas vencelladas a ela.

No acto, que se pechou cunha rolda de conclusións e no que se reparou moito no estado actual da illa a nivel ambiental estiveron todos os grupos da Corporación municipal e tamén asistiron o alcalde, Luciano Sobral; o Comandante-Director da Escola Naval de Marín, Ignacio Cuartero; o subdelegado de Defensa en Pontevedra, Miguel Constantino Cortés, e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto, ademais de representantes das agrupacións que forman parte da Comisión de Seguimento: APDR, a Confraría de San Telmo, Amecomra, a AVCR Combarro e Irmandade Illa de Tambo.

Comentarios