O tanatorio de Vilaboa ten xa os permisos sectoriais para ser construído

O alcalde, os comuneiros e o empresario adxudicatario presentaron onte o proxecto, de 400 metros, con dúas salas velatorias
O encontro co responsable de Funeraria San Marcos celebrouse na sala de plenos do Concello.
photo_camera O encontro co responsable de Funeraria San Marcos celebrouse na sala de plenos do Concello. DP

O futuro tanatorio de Vilaboa xa ten todas as licenzas necesarias para iniciar o proceso construtivo. Así o anunciou o venres o alcalde, César Poza, quen, acompañado de representantes de Comunidade de Montes de Vilaboa, e de Juan Perdiz, responsable de da empresa Funeraria San Marcos, fixo un repaso á situación deste proxecto.

A tramitación administrativa do mesmo concluíu obtendo todos os informes sectorais favorables necesarios para tramitar a licencia municipal que lle permitirá iniciar os traballos.

Trátase dunhas instalacións polas que os veciños levan loitando 25 anos e que tivo que superar os requisitos administrativos habituais en proxectos destas características, segundo explicou Perdiz, que louvou o traballo conxunto dos técnicos da empresa e do Concello para solventar os imprevistos xurdidos.

"Iso, xunto á vontade política de César Poza, facilitaron que a tramitación se resolve nun tempo récord", engadeu.

O presidente dos comuneiros, José Luís López, amosou a súa satisfacción polo importante avance nunha infraestrutura enquistada desde hai máis de 25 anos, data na que a Comunidade de Montes mercou tres fincas para permutar nunha operación que non recibiu o respaldo autonómico.

A comunidade de montes é a promotora deste ambicioso proxecto e asinou unha concesión a 30 anos coa empresa San Marcos á que cederá os 4.000 metros cadrados adquiridos para este fin. San Marcos será a encargada de executar os traballos para que os veciños e veciñas de Vilaboa poidan dispor dunhas instalacións que rondarán os 400 metros cadrados construídos. "Hoxe empeza a conta atrás", asegurou.

"Xusto un ano despois de anunciar o proxecto sobre o terreo podemos decir que todo está listo para solicitar a licencia. Sen dúbida esta é unha boa noticia para Vilaboa", apuntou tanto César Poza como Juan Perdiz e José Luis López, que o domingo dará conta do avance no proxecto no transcurso dunha asemblea da Comunidade de Montes.

O futuro tanatorio contará con dúas salas de velación, un amplo espazo común, cafetería, baños interiores e exteriores e diversas salas para ofrecer os servizos necesarios ás familias no momento do falecemento.

As novas instalacións a liña estética que San Marcos imprime as súas instalacións, con espazos abertos e moita iluminación e no caso de Vilaboa inclúe tamén un patio interior que facilite a integración coa natureza. "Unhas instalacións alegres que aporten serenidade nun momento sempre complicado", apuntou Juan Perdiz, que confía en que as obras se poidan iniciar "en breve".

O alcalde destacou a importancia que ten poder contar no futuro con unhas instalacións que eran demandadas pola veciñanza por motivos netamente pragmáticos, xa que a carencia deste espazo obriga a desprazarse a municipios veciños como Pontevedra e Soutomaior ás familias que precisan este sevizo funerario.

Comentarios