Teatro, deporte e divulgación para vivir as Letras Galegas en todo o seu esplendor en Poio

Teatro, deporte e divulgación para vivir as Letras Galegas en todo o seu esplendor en Poio ►O alcalde lembra que "o día da lingua teñen que ser todos os días" e alaba o "acerto" de adicar o 17 de maio a María Victoria Moreno

A presentación dos actos na casa consistorial de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera A presentación dos actos na casa consistorial de Poio. DAVID FREIRE

O Día das Letras Galegas debe ser unha festa, "aínda que o día do galego teñen que ser todos os días do calendario", como lembrou o alcalde de Poio, Luciano Sobral. O primeiro edil presidiu a presentación da programación para celebrar o 17 de maio, nun acto no que estiveron a concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro; a de Deportes, Marga Caldas, e o deputado de Cultura, Xosé Leal.

A programación contará con teatro, a cargo de Matrioshka Teatro, que achega unha das actividades financiadas pola Deputación coa montaxe en homenaxe a María Victoria Moreno titulada A Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos (o día 12 de maio non centro Xaime Illa), e coa obra Chumbalagatas, da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, que se representará dentro do ciclo Poioescena (o día 19, no mesmo centro).

Tampouco faltarán as actividades físicas, posto que a Concellería de Deportes quere levar a lingua ao ámbito da práctica deportiva e da xuventude. Para iso convócase unha nova edición da Carreira Popular pola lingua, que será o propio día 17 no peirao de Raxó ás 11.00 horas. "Este ano temos como novidade unha categoría para os maiores de 18 anos, que tamén pedían participar nesta carreira", indicou Caldas, quen animou a acudir aos cativos (para os que haberá categorías específicas por idades) e maiores a gozar dun día no que "a lingua ten que estar presente en todos os ámbitos", motivo polo que haberá un photocall cunha simboloxía específica para os pequenos.

E esa mesma xornada tamén se celebrará, xa pola tarde, a entrega de premios do XXVI Concurso Literario Xaime Illa Couto, precedida dunha conferencia de Rafael Quintía. Será a partir das 17.30 horas. O relatorio abordará o mundo da mitoloxía na literatura oral galega. A actividade tamén conta co apoio da Deputación, cuxo responsable destacou a importancia de facer un traballo como o de Poio, de difusión da lingua "desde a transversalidade", xuntando cultura, deportes e lecer.

O alcalde, pola súa banda, destacou o nivel de implicación da Cultural de Raxó nesta data, coa que leva colaborando 26 anos. Sobral reivindicou con orgullo "que o galego sexa realmente a lingua vehicular deste equipo de Goberno e desta Corporación", e alabou a elección de María Victoria Moreno para adicarlle o 17 de maio. "Coñecina e estou moi contento de que a escolleran, porque ela foi o exemplo de que dá igual onde nazas para usar e sentir a lingua como propia", sentenzou.

Comentarios