O teatro e as proxeccións audiovisuais serán os grandes protagonistas da axenda de outono de Poio

Presentación da axenda cultural de Poio. DP
photo_camera Presentación da axenda cultural de Poio. DP

A concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez, e a responsable de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, a tamén nacionalista Marga Caldas, veñen de anunciar as actividades, todas elas gratuítas, que forman parte da Axenda Cultural de Outono.

Boa parte do groso desta axenda desenvolverase nas dependencias do Centro Cultural Xaime Illa e, nesta ocasión, as citas abriranse o vindeiro domingo 16 de outubro, a partir das 19.00 horas, cunha representación a cargo do grupo de teatro da Casa Rosada, Lúa Chea. Unha semana despois, o día 23 á mesma hora, chegará o Teatro Os Quinquilláns con A señora de Forcadela.

Xa en novembro, o venres 4 ás 21.00 horas, será a quenda dunha das compañías máis prestixiosas de Galicia, Ibuprofeno Teatro, que traerá a Raxó O mel non caduca, unha obra que vén de acadar diferentes premios e galardóns. Estas dúas sesións organízanse a través da Deputación.

Estas catro sesión teatrais combinaranse coas proxeccións correspondentes ao Ciclo Mestre Mateo, impulsado tamén pola Deputación e ao que está adherido o Concello de Poio. Así, o sábado 22 de outubro, ás 21.00 horas, proxectarase o filme Malencolía, dirixido por Alfonso Zarauza. Os filmes restantes quedan fixados para o venres 18 de novembro e o sábado 3 de decembro, tamén ás 21.00 horas.

A Biblioteca Municipal de Campelo será outro dos puntos de interese nesta axenda cultural, ao acoller o vindeiro 24 de outubro a contada Sopicontos, unha iniciativa pensada para os máis cativos e cativas da familia. Ademais, ao longo de novembro conmemórase o Mes da Ciencia.

Comentarios