Telefónica non responde a Poio: hai 12 demandas por postes perigosos sen arranxar

O alcalde pedirá reunirse con algún responsable da empresa tras meses "dándonos contra un muro", ao non atender as incidencias

Unha ducia de demandas sobre o estado das dotacións telefónicas no municipio de Poio está sen atender. A cifra pode parecer baixa, se se ten en conta a dimensión, poboación e proporción de espazo rural deste Concello, pero, como aclara o alcalde, Ángel Moldes, nun comunicado, é elevada, xa que contén só as peticións cursadas no que leva de rexedor (menos dun ano) e en especial as graves incidencias detectadas a raíz dos temporais dos pasados meses de outubro e novembro. Despois de varios intentos mediante comunicacións e apremios, o alcalde pide agora unha reunión urxente cun responsable da empresa.

A lista de danos pendentes de arranxar está encabezada por dous casos: un poste de telefonía inclinado e que supón unha ameaza de caída sobre unha vivenda no camiño do Laño, Samieira, ou no camiño de Arén, onde hai un poste caído sobre a beiravía, cuxo cableado está a ras de chan e sobre un banco. "Estes, quizais son dous dos máis graves, pero temos moitos máis. Hai unha atención nula, é urxente que actúen, que se ocupen do mantemento e que arranxen todas estas incidencias que están poñendo en risco aos veciños. Aquí hai unha deixadez de funcións da compañía que deben resolver canto antes", afirma o alcalde, que considera que todos estes meses de comunicacións "estivemos dando contra un muro", dada a falta de resposta.

A queixa do alcalde non queda aí, senón que a fai extensiva á "falta de mantemento en practicamente toda a rede de telefonía, tanto en postes como cableado", á deficiente colocación da fibra, "que nos sitios nos que están colocando fibra, estase facendo a pouca altura" e a fallos na "cobertura móbil e Internet no rural e en algúns puntos do casco urbano".

.

Comentarios