Iago Tomé, patrón maior da Confraría de Raxó

"Teño fe en reabrir o xoves e non só pola festa: hai 60 barcos parados e sen cobrar desde o 27 de xullo"

Poio está pendente do resultado das mostraxes que analiza o Intecmar para saber se se mantén a data da Festa da Ameixa, pero máis aló da celebración hai unha situación difícil de moitos mariñeiros, afogados entre dúas mareas vermellas
O patrón maior de Raxó, Iago Tomé, nunha foto no peirao. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O patrón maior de Raxó, Iago Tomé, nunha foto no peirao. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O patrón maior da Confraría de Raxó e un dos tres pés do mando do marisqueo na ría de Pontevedra, Iago Tomé, é tamén un dos interlocutores do Concello de Poio para analizar se finalmente se pode extraer bivalvo da ría esta semana, e se este retorno á actividade chegará á tempo para a Festa da Ameixa. En caso contrario, o Concello xa adiantou que se cambiarán as datas da celebración para respectar a tradición de ofrecer sempre marisco procedente da lonxa de Campelo. Todo se decidirá nas próximas horas.

A dobre marea vermella condicionou por primeira vez unha celebración da Festa da Ameixa. Como ve  o sector o parón deste ano?
Pois véo moi mal. Peor que outros anos, porque nos afecta ás mariscadoras de a pé, ao mexillón e a moitos dos b

O patrón maior de Raxó, Iago Tomé, nunha foto no peirao. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O patrón maior de Raxó, Iago Tomé, nunha foto no peirao. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

arcos de a flote. De feito, os de a flote, en moitos casos, non poden cobrar o subsidio por cese de actividade que si terían a maior parte dos e das de a pé, porque teñen permiso para faenar con outras artes. Pero non hai coñecemento ou medios para facelo, de xeito que temos uns 60 barcos que levan parados desde o 27 de xullo. Iso son como 90 ou cen persoas sen ningún ingreso.

Como é que non poden cobrar?
É algo moi inxusto da normativa actual. Moitos barcos son pequenos, e non teñen fondos, por exemplo, para comprar nasas e poñerse agora mesmo á nécora, que é unha das especies que están abertas. Aínda que teñan oficialmente permex para varias artes, en realidade só se adican a unha, pero ao figurar que poden ir a outras xa perden o dereito a cobrar por cese de actividade. Os mariñeiros somos moitas veces empresarios tamén, e se non hai ingresos nin paro, chegar a o mes de setembro con todos os gastos que isto trae de escola, etc, sen ter traballado, é moi duro...

Normalmente as mareas vermellas veñen separadas...
Ademais, non se extenden todo o verán. Os prezos, tradicionalmente estaban máis altos en Nadal, pero como eu digo, o Nadal son dez días, onde realmente se fan cartos é no verán, cando se poden facturar uns 800 euros ou mil, no caso das embarcacións. Non son soldos para manter un só unha familia, pero polas horas que se traballa, hai que recoñecer que son bos ingresos. O que pasa, é que a xente do mar vive ao día. Non dá para ter millo na palleira, como di o refrán, e ao vir unha situación coma esta, a verdade é que hai xente que o está a pasar mal.

Entón causa máis dano económico que outros anos con seis ou máis mareas vermellas?
Respecto aos ingresos, si. Porque outras mareas, ao remitir e volver, deixan traballar uns días, e non xeran tanto tempo en branco. Eu non sei de cifras. Só podo dicir que o ano pasado en xullo a lonxa facturou 800.000 € en xullo e este ano, nin 200.000...

Aínda que é difícil que remitan as dúas toxinas, vostede di que confía en poder ter bos resultados no mostreo que se coñecerá este mércores...
Eu teño fe en que reabra, non só pola Festa da Ameixa, senón tamén por todos os compañeiros, porque aínda que as mareas van e veñen e pode que despois peche, sería moi beneficioso para todos.

En que se basa para ter esa expectativa?
Temos unha analítica boa, a anterior. Se se manteñen as condicións pode que a mostraxe do martes dera un bó resultado. O que xoga en contra foi a entrada de vento do Sur e a chuvia, pero esperamos que esa marea vermella que estaba saíndo se desprazara un pouco máis. En todo caso estariamos falando de reabrir os polígonos intermedios, para o sector de a flote.

E só o sector de a flote pode abastecer á Festa da Ameixa?
Se este mércores nos dan aviso, as embarcacións faenarían xoves e venres, con un cupo extraordinario de 12 quilos. Con iso teriamos posibilidade de abastecer ao Concello e tamén aos nosos clientes de sempre, que ao igual ca nós están tamén esperando por remesas novas de produto. Ao Concello chegaríanlle 250 quilos por cada un deses dous días. Máis que suficiente.

Comentarios