Tensión no pleno de Poio: "Queredes montar lío, non vos interesa a verdade"

O turno de rogos e preguntas traduciuse durante a noite do martes nun cruce de acusacións entre o Goberno local e os edís da oposición ▶ O casco histórico de Combarro, as pancartas contra o equipo de Goberno e os terreos para o centro de saúde foron os temas destacados
Asistentes á sesión plenaria celebrada de xeito semi telemático na noite do martes. BEA CÍSCAR
photo_camera Asistentes á sesión plenaria celebrada de xeito semi telemático na noite do martes. BEA CÍSCAR

O Salón de Plenos de Poio viviu na noite deste martes unha das sesións máis tensas dos últimos meses, especialmente rozando as 22.00 horas, cando chegou a quenda dos rogos e preguntas, na que o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, chegou a acusar á oposición de que "vós o que queredes é montar lío, non vos interesa a verdade". Nunha sesión na que se aprobaron expedientes como o da modificación de crédito para adquirir os terreos para o novo centro de saúde, ou unha subvención directa de axuda a Ucraína, a moción presentada polo Partido Popular para "combater o feísmo" no casco histórico de Combarro desatou os cruces de acusacións entre os membros do Goberno local e a oposición.

Se ben a moción referente ao casco histórico de Combarro foi aprobada por unanimidade, a edil de Turismo, Silvia Díaz, calificou a proposta como "oportunista e que chega tarde, porque está adxudicado un estudo estratéxico sobre o casco histórico para establecer prioridades e actuacións", momento que aproveitou para "cominar ao PP a que retire esas bandeirolas que penduran por todo o municipio e que quero supoñer que son da vosa autoría, porque non teñen o logo do PP para identificalas. Podedes comezar por vós mesmos dando exemplo e retirando a da baixada á Chousa". Neste caso, o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, indicou que as caixas presentes no conxunto histórico teñen que ver coa dotación de fibra e que "están autorizadas por Patrimonio", mentres que as tubaxes "non saen ao mar, senón que son colectores conectados á rede e que van ao bombeo da Seca", agora visibles por "unha modificación do nivel da area". A isto sumouse tamén o edil de Medio Ambiente, Xulio Barreiro, quen manifestou que, en canto ao alumeado dos hórreos, "é un proxecto de Patrimonio que no seu día executou Cultura". 

Gregorio Agís (edil de Urbanismo): Sería conveniente que o PP non se oculte cando se dedica a difamar e a faltarlle ao respecto aos compañeiros de Goberno

Se ben a edil popular, Rocío Cochón, reprochou ao Goberno local que "levan 27 anos culpando aos demais, e os responsables do seguimento das obras son vostedes", o debate sobre o casco histórico dirixiuse novamente ás pancartas, cando Díaz solicitou novamente unha resposta a Cochón, algo que respaldou Agís, quen manifestou que "sería conveniente que o PP non se oculte cando se dedica a difamar e a faltarlle ao respecto aos compañeiros de Goberno". Foi entón cando Cochón respondeu que "se van retirar as nosas lonas lémbrolle que temos unha denuncia presentada ante a Policía local porque uns encapuchados cortáronas". O debate, xa tensionado, continuou durante a quenda de rogos e preguntas, cando Díaz pediu a Cochón "a retirada da acusación ao equipo de Goberno". Cochón, pola súa banda, negou as acusacións e remitiu varias preguntas a á edil de Deportes, Marga Caldas, ao alcalde, Luciano Sobral e a Gregorio Agís sobre a cuberta das pistas de tenis en Monte Baldío, os terreos para o novo centro de saúde ou o informe da Policía Local sobre a actuación no camiño a Monte Covelo, respectivamente. Todas estiveron fortemente marcadas polo desacordo no dereito á réplica e suscitaron varios momentos de máxima tensión entre os membros do Goberno local e a edil da oposición.

Rocío Cochón (edil da oposición): Levan 27 anos culpando aos demais, e os responsables do seguimento das obras son vostedes

ACLARACIÓNS. Con respecto á pregunta formulada sobre a intención do Goberno local de dotar as pistas de tenis de Monte Baldío dunha cuberta, Marga Caldas asegurou que "hai un proxecto que ten adxudicada a súa redacción, pero a recuperación da zona farase en función das necesidades. Aquí defendemos a necesidade de cubrir as pistas, pero as decisións tomaranse cos colectivos". Foi nese momento cando a edil popular quixo replicar cun "non ten claro o que vai facer", se ben os membros do Goberno local chamaron á orde. "Tes pouco respecto por este Pleno", acusou Caldas a Cochón, nun novo cruce de acusacións durante o que o alcalde Sobral tivo que volver chamar á orde.

Silvia Díaz (edil de Turismo): Comino ao PP a que retire esas bandeirolas que penduran por todo o municipio e que non teñen o seu logo

Foi, precisamente, o alcalde, quen tivo que aclarar nunha pregunta posterior sobre a previsión da adquisición dos terreos para o centro de saúde que "os procesos ás veces non saen como un quere, pero déronse pasos para pechar a compra da parcela e temos unha reunión coa Consellería para que haxa acordo". Tamén esta pregunta suscitou un novo cruce de acusacións, esta vez con Gregorio Agís, que quixo aclarar algunhas cuestións con respecto a isto, como edil de Urbanismo, algo que impediron o voceiro popular Ángel Moldes e a edil Cochón, remitíndose ao regulamento do Pleno. A penúltima pregunta, dirixida a Agís, aludiu ao informe da Policía Local sobre a actuación en Monte Covelo, co compromiso do edil de facilitar "o expediente completo", xa solicitado. "Aquí non se oculta nada", sentenciou o alcalde.

Marga Caldas (edil de Deportes): A recuperación de Monte Baldío farase en función das necesidades e as decisións tomaranse cos colectivos

O día despois: O PP, satisfeito, e o Goberno local, chamando á orde
Mentres que o partido da oposición amosaba onte a sua "satisfación" pola aprobación das mocións sobre Combarro e a guerra en Ucraína por unanimidade, os membros do Goberno local chamaron á orde aos populares, acusándoos de "incumprir o Regulamento Orgánico Municipal", actualizado en 2020, e que establece que, no caso dos rogos e preguntas, "a resposta oral non dará lugar a debate", ante os episodios sucedidos no Pleno.

Comentarios