"Tiñamos que ter empezado en setembro do 71 e non entramos ata maio do 72"

O que foi o máximo responsable do colexio Cordo Boullosa de Ponte Caldelas cando se inaugurou, hai 50 anos, lembra como tivo que ir convencendo, parroquia a parroquia, ás familias para que lle mandaran ao alumnado ►O centro botou a andar con 600 alumnos e alumnas, pero sen electricidade nin auga corrente

Daniel Boa
photo_camera Daniel Martínez, o primeiro director do colexio de Ponte Caldelas. D. F.
D Daniel 20220502_Dfreire_040
D. .F.

Foi o primeiro director do CEIP Cordo Boullosa, no 1972, cando contaba el 32 anos. E onte, con 82 foi quen descobreu a placa do aniversario. O mestre Daniel Martínez non aforra lembranzas daquelas datas.

"Lembro a Eliseo Lopo, alcalde, e a José Malvido Senra e Argemiro Portela Tome, concelleiros. Os tres foron emisarios a Portugal para pedir a axuda económica a Manuel Cordo Boullosa", comeza. Unha vez feito o centro "non había nin auga, nin luz e cuns 600 rapaces, a cousa era complicada". Pese a todo, os veciños non querían mandar aos nenos á vila. "Cada parroquia tiña unha escola e se o neno chegaba media hora máis tarde a ela, non pasaba nada. Ao vir ao colexio da vila xa había que ser puntual para o autobús. O neno da aldea era un traballador máis, aínda que non se lle daba o valor que tiña. Antes de ir a clase igual ía coas vacas e non gustaba renunciar a iso", di.

"As parroquias perderon moito, sobre todo de convivencia e o papel do mestre, que en moitos pobos era case o de notario"d

Para convencer ás familias fixeron falla meses de reunións con el e a inspectora de Educación en cada lugar. "Tiñamos que ter empezado en setembro do 71 pero non entramos ata o 2 de maio do 72. E aínda non viñeron todos".

Foi entón cando o colexio comezou a latexar como o corazón da vila caldelana. "Ao principio ata podemos dicir que era unha clase de xeografía local. Un neno de Taboadelo nunca oíra falar dun lugar chamado Laxoso, ou Forzáns, por poñer un exemplo porque hai bastantes quilómetros entre ambos. E atopabamos iso, que de non coñecer os sitios pasaban a ser compañeiros". Tamén unha escola é motor social e económico e Daniel Martínez lémbrao.

"Viñan os días de feira e o colexio enchíase de pais e de avoas que lle traían as merendas aos seus rapaces ou de pais que che pedían que deixaras saír ao cativo para comprarlle algo".

O ex-director é unha enciclopedia viva da historia da educación en Ponte Caldelas. «Lembro a Filomena Mella en Taboadelo, a Agustín Álvarez, o meu primeiro mestre en Xustáns.

Don Daniel foi elo entre a educación estancada do posfranquismo e a súa modernización, que se deu desde os 70 coa reforma de Villar Palasí. "Daquela pensouse que era o mellor, que terían unha educación máis completa, pero as parroquias perderon moito, sobre todo de convivencia e o papel do mestre, que en moitos pobos era case o de notario", reflexiona.

O papel dos mestres e mestras dos anos anteriores:

O ex-director é unha enciclopedia viva da historia da educación en Ponte Caldelas. "Lembro a Filomena Mella en Taboadelo, a Agustín Álvarez, o meu primeiro mestre en Xustáns. Alí estivo tamén Lismenia Pazos. En Vilarchán estiveron Dolores García Pereira e Eugenio Rolán Quintana, que xa faleceu. En Buchabade, Mercedes Senra e en Parada Mari Carmen Méndez, e en Tourón estiven eu...".

Antes dos 70, por duro que poida resultar oílo, en moitos lugares "as escolas estaban nun espazo que fora unha corte de ovellas ou de vacas. Entón chegou a eclosión dos centros escolares e todo foi construír e construír. Moitas unitarias non se chegaron nin a estrear, fíxate como funcionaba o sistema. Eu lembro que a de Taboadelo non se estreou e mesmo agora, que foi vendida, tampouco chegou a ter uso. En A Insua, onde eu fun mestre nun deses cortellos, tampouco se chegou a ocupar xa a nova escola que mandaron construír", recorda. Todas esas pequenas escolas foron substituídas polo novo centro, e quedaron no esquecemento.

Comentarios