Todas as árbores que quería Javier Viéitez

O segundo cabodano do falecemento do axente forestal pontevedrés reuniu a máis de 25 profesionais no mesmo lugar onde faleceu para completar a prantación dun bosque de carballos, acivros, secuoias e liquilambas
Axentes forestais e alumnos da Escola de Lourizán durante a prantación desenvolta en Borela, no mesmo punto onde hai xa un monolito na memoria do garda falecido. DAVID FREIRE (1)
photo_camera Axentes forestais e alumnos da Escola de Lourizán durante a prantación desenvolta en Borela, no mesmo punto onde hai xa un monolito na memoria do garda falecido. DAVID FREIRE

Unha parcela de 3.000 metros no monte de Borela, moi preto do límite entre os municipios de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. Ese é o espazo onde os axentes forestais da provincia e algún dos profesionais que custodian os montes doutros puntos de Galicia se deron cita este luns para manter vivo o recordo do seu compañeiro o axente Javier Viéitez, que perdeu a vida en 2017 ao falecer repentinamente, mentres facía unha guardia, precisamente, neste mesmo punto.

Esa parcela, na que hai un sinxelo monolito de pedra colocado hai agora un ano polos mesmos compañeiros de profesión, alberga desde o luns cinco ou seis ducias de novas especies arbóreas, todas elas frondosas, escollidas para cumprir co gusto de Javier Viéitez, que sempre foi un apaixoado do monte e un defensor dos bosques.

Axentes forestais e alumnos da Escola de Lourizán durante a prantación desenvolta en Borela, no mesmo punto onde hai xa un monolito na memoria do garda falecido. DAVID FREIRE (3)

Máis de cincuenta participantes, dos que uns 25 eran axentes forestais, déronse cita nesta homenaxe, que se celebra por segundo ano consecutivo e que contou coa colaboración da Escola de Capataces de Lourizán, cuxo xefe de estudos acudiu cunha remesa de alumnos e que cedeu tamén todas as especies que desde este luns acompañan ao monolito de Viéitez.

No acto, que non tiña carácter familiar, senón que era unha reunión de compañeiros e compañeiras da profesión, estiveron o irmán do falecido, Manuel Viéitez, e unha sobriña súa.

Axentes forestais e alumnos da Escola de Lourizán durante a prantación desenvolta en Borela, no mesmo punto onde hai xa un monolito na memoria do garda falecido. DAVID FREIRE (4)

Ademais de prantar especies como secuoias, liquilambas, acivros, cerdeiras e carballos, os participantes depositaron un ramo de flores e unha pequena corona, feita con toxos en flor, instantes antes de iniciar o traballo de prantación.

O chan sobre o que medrará o bosque de Javier Viéitez é unha pequena superficie cedida polos comuneiros e sobre a que existía un convenio con Norfor. Na actualidade os axentes forestais son os responsables desta parcela, cercada cun perímetro de madeira, na que os traballos voluntarios impiden que medre a maleza e guiarán o proceso de crecemento das árbores. O irmán, Manuel Viéitez, agradeceu as mostras de compañeirismo e afecto de todos os que coñeceron a Javier e admiraban a súa paixón polo monte e a entrega coa que asumía o seu traballo.

Axentes forestais e alumnos da Escola de Lourizán durante a prantación desenvolta en Borela, no mesmo punto onde hai xa un monolito na memoria do garda falecido. DAVID FREIRE (2)

"Era o axente da zona de Campo Lameiro e os compañeiros graváronlle isto no monolito", conta, amosando un petróglifo dun cervo case perfecto, riscado na base da pedra.

Comentarios