Todo listo en Cobres para acoller o IV Encontro de Entroidos

Á explanada de Riomaior achegaranse representantes de tradicións ancestrais de distintos puntos de Galicia e Portugal
Entroido de Cobres. ADP
photo_camera Madamas e galáns nunha das saídas do Entroido, este ano. R. FARIÑA

A Asociación Cultural Cobres acolle esta fin de semana o relevo na organización dun dos eventos relacionados co Entroido que máis pulo está tendo nos últimos tempos. Trátase do Encontro de Entroidos, unha cita que normalmente se celebra no punto máis afastado do Entroido no calendario, é dicir, no verán, e na que se reúnen representacións de distintos canavales nun encontro cultural no que os integrantes de cada formación desfilan, interactúan e preservan da mellor maneira os elementos tradicionais das súas celebracións.

O Entroido de Cobres será o anfitrión nesta celebración que conta, entre outros, coa colaboración do Concello de Vilaboa e da Deputación de Pontevedra.

Os convidados desta edición serán Bonitas de Sande (Cartelle); o Rancho de Entroido da Feira de Salceda; Fulión e Boteiros, de Viana do Bolo; Pitas de Eiroas, de Ourense, e os Caretos de Lazarim de Portugal.

CON CONCERTOS. A cita desenvolverase nunha única xornada, desde as 20.00 horas, con pasarrúas e as intervencións dos grupos participantes. Ás 21.30 horas actuará o grupo Os Fentos do Burato, e ás 23.00 horas será a quenda do concerto de Dakídarría e ás 00.30 iniciarase a sesión de música dance con DJ Gabry.

O Entroido de Madamas e Galáns e a Asociación de Veteranos de Cobres participan desde o inicio destas convocatorias nas concentracións de entroidos, as cales son unha forma de por en valor unha das tradicións máis senlleiras da provincia e un dos escasos entroidos ancestrais de Pontevedra, onde a tradición non conserva tanto renome como nas provincias de Ourense ou Lugo.

Comentarios