domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Todo listo para que 'Maios á rúa' encha de tradición os balcóns e fiestras de Poio

A concelleira amosando unha das 2.000 guías repartidas. DP
A concelleira amosando unha das 2.000 guías repartidas. DP
O Concello invita aos veciños e comerciantes do municipio a engalanar con flores os espazos visibles

En breves horas comezará o mes de maio, e con el, o reto do Concello de Poio de vivir unha das súas festas máis senlleiras, a dos maios, dun xeito participativo e contando coa implicación da veciñanza, pero sen fomentar as concentracións tradicionais, que ocasionarían risco de expansión da covid-19.

O Concello ten en marcha a campaña Maios á rúa coa que invita a todos os veciños, comerciantes e colectivos a engalanar balcóns e zonas visibles dos establecementos con motivos florais, maios caseiros e elementos que poidan lembrar a beleza desta emblemática festa.

A campaña tamén anima á veciñanza a que, facendo uso dos seus perfís nas redes sociais, compartan as imaxes das decoracións florais e subliña a necesidade de que a recolección de flores necesarias se realice entre convivintes tamén para evitar riscos.

Tamén dentro da campaña está o reparto de preto de 2.000 exemplares dunha guía ilustrada sobre os maios en Poio, e que, ademais de imaxes sobre os deseños efectuados en anos anteriores polos colectivos que toman parte habitualmente no tradicional concurso, tamén inclúe información sobre a recolección e uso de materiais, cantigas e unha unidade didáctica.

O folleto xa foi entregado nos centros educativos do municipio, así como en locais municipais, na biblioteca e tamén entre as agrupacións participantes.

A maiores, a Concellería de Cultura propón seguir dándolle visibilidade ao labor feito polas agrupacións en edicións anteriores do Concurso dos Maios.

Para iso, está previsto que a partires da vindeira semana se expoñan instantáneas de maios en soportes publicitarios situados ao longo da estrada PO-308, que percorre todas as parroquias de xeito que "tanto a veciñanza como as persoas que visitan Poio poidan coñecer de primeira man o gran traballo realizado polas asociacións e colectivos locais", explica Raquel Rodríguez.

As asociacións Ronsel, Boureante, Armadiña, EI Saíñas, Maio Vilariño e Maio Fontenla, así como Maio Maiolo e Mare Podium son as principais artífices do esplendor e apego do que esta tradición goza no concello de Poio.

Todo listo para que 'Maios á rúa' encha de tradición os balcóns e...
Comentarios
ç