Todo listo para que Barro acolla o seu reencontro co mundo das carrilanas

O Concello leva días adecentando o circuíto no que o domingo descenderán carrilanas de oito categorías distintas
Presentación da nova edición da proba de descenso de carrilanas. D.P.
photo_camera Presentación da nova edición da proba de descenso de carrilanas. D.P.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e os concelleiros Rocío Martínez e Iván Bello, acompañados dos pilotos Sergio Búa e Carlos Rodríguez, presentaron a V Baixada de Carrilanas de Campodeira, unha nova edición dunha disciplina que ten xa tradición no municipio de Barro, e na que participarán vehículos de inercia de oito categorías diferentes.

A competición celebrarase este domingo e será unha proba en colaboración cos federacións de inercia galega e asturiana e que conta cun percorrido de arredor de dous quilómetros de descenso contínuo polo monte Acibal.
Os representantes do Concello explican que esta será unha proba puntuable para o campionato galego e nela participarán arredor de corenta carrilanas en distintas categorías.

O pistoletazo de saída será en Campodeira e o remate das baixadas á altura da piscina municipal, no lugar do Outeiro.

A verificación das carrilanas terá lugar o domingo no Pazo da Crega ás 12.00 horas e o inicio dos descensos ás 15.30 horas. A primeira baixada será de recoñecemento, despois seguirán as probas cronometradas e pechará a proba unha baixada de exibición.

A organización sinala que os coches e os remolques (dos participantes) terán un sitio para eles o lado da piscina municipal, dende onde se farán os remontes para as respectivas quendas.

A baixada de carrilanas é outro dos eventos que se viron adiados por mor da pandemia e mesmo nesta ocasión, segundo aclarou a organización, se notou un leve descenso de participantes. Así contabilizáronse uns dez menos, debido a que os afeccionados deixaron este bienio de manter as súas carrilanas ou ben as venderon.

O Concello, sen embargo, ten claro que esta disciplina segue a ser un reclamo de visitantes, motivo polo que despregou un amplo dispositivo para prever todo tipo de situacións. Por unha banda, responsables da organización veñen de limpar as beiras da estrada e acondicionar con rodas as curvas máis perigosas para evitar accidentes. Tamén se lle encargou a unha empresa especializada que repasara todo o trazado para que os asfalto non presente grava ou materiais que provoquen problemas aos e ás participantes.

Prevese que centos de persoas se acheguen á competición e preténdese que todos estean colocados en zonas seguras. A organización conta cun dispositivo de Protección Civil e ambulancia medicalizada, como soe suceder nestas convocatorias. A entrega de premios será no Pazo da Crega unha vez que se completen todas as mangas.

Comentarios