Todo listo para que Poio volva gozar do Entroido de referencia da comarca

Comezará co Desfile do día 19 de febreiro e finalizará co Enterro do Galo Bruxo o 18 de marzo
(3G8A9607.JPG) 13 30 POIO Casa do Concello Presentacion do Entroido11946
photo_camera Presentación da programación do Entroido de Poio. DAVID FREIRE

O Entroido de Poio volve este mes de febreiro por todo o alto "para ser unha vez máis unha das citas de referencia na bisbarra dentro destas emblemáticas celebracións e contar cunha gran participación". Así o aseguraron onte o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), durante o acto de presentación do programa, no que estiveron acompañados pola edil nacionalista Marga Caldas e representantes dos colectivos que, tal e como recoñeceu a propia Rodríguez Alonso, "coa súa implicación, esforzo e traballo fan posible que o noso Entroido conte cun dos calendarios máis amplos e variados de toda a provincia".

Será o 19 de febreiro cando se dea o pistoletazo de saída á festa, co Desfile de Entroido. "Sen dúbida é unha edición moi especial, por recuperar a normalidade tras as suspensións e restricións de 2021 e 2022, por mor da pandemia, e tamén porque retomamos o percorrido tradicional da comitiva", explicou a titular de Cultura. Así, tal e como xa se tiña anunciado, a saída dos e das participantes será ás 17.00 horas desde a Praza da Granxa de Campelo, con chegada á Seca. Será alí onde se faga a entrega de premios aos gañadores e gañadoras de todas as categorías (adulto e infantil) e subcategorías (individual, parellas e grupo, ademais dos premios especiais para choqueiro e animación), en función das puntuacións que outorguen os e as integrantes do xurado. Neste sentido, Raquel Rodríguez recordou que nesta edición as contías dos premios increméntanse en máis do 40%, ata realizar un reparto de máis de 6.000 euros en total. A entrega dos galardóns estará amenizada polo Grupo Fussion.

A edil nacionalista lembrou, asemade, que o prazo de inscrición para o concurso ficará aberto desde o vindeiro luns, 6 de febreiro, ata o mércores 15. Se ben tanto os individuais como as parellas terán opción de anotarse "in situ" en Campelo o día do desfile, entre as 15.30 e as 16.00 horas, a anotación previa é indispensable para os grupos. "Despois de dous anos sen Entroido estamos convencidos de que a veciñanza responderá e contaremos cunha gran participación", augurou.

Este ano, a programación tamén inclúe actividades específicas para as crianza. Así, o luns 20 haberá un obradoiro infantil na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, desde as 16.30 horas, organizado polo Ateneo Corredoira, que tamén ofrecerá unha festa de disfraces para cativos e cativas o martes 21, ás 17.30, no mesmo emprazamento. O sábado 25, será a Asociación de Veciños de Campelo a que ofreza unha festa para nenos e nenas no seu local social, desde as 17.00 horas. Ese mesmo día, a partires das 20.00 horas, no mesmo emprazamento terá lugar unha das novidades da programación, como é o Entroido na Veciñanza, organizado pola Asociación de Mulleres Arela, mentres que o venres 3 de haberá unha sesión infantil de Entroido, amenizada con música, en Lourido, desde as 18.00 horas, como preludio ao Enterro do Berberecho.

Comentarios