Todo listo para que Vilaboa celebre a súa V Feira de San Martiño

O Concello acolle este venres un concerto de Oraladou como prólogo da feira do domingo e do magosto do luns
Fernández Salgado con Xacobe García na presentación da feira. D. FREIRE
photo_camera Fernández Salgado con Xacobe García na presentación da feira. D. FREIRE

O Concello de Vilaboa acolleu este venres a presentación da V Feira de San Martiño, un encontro que se celebrará o vindeiro domingo no Toural e que reunirá aos produtores locais e a artesáns para ofrecer os seus produtos nunha data festiva que é unha das máis relevantes do municipio.

A presentación correu a cargo da tenente de alcalde, Ornela Fernández Salgado, e do representante da cooperativa Alcrique, Xacobe García Soto, que lembraron que este evento foi creado no ano 2015 con motivo da festividade de San Martiño, festivo local, e co obxetivo de crear un espazo de convivencia para toda a veciñanza de Vilaboa, os visitantes, sobre todo, para dar a coñecer e poñer en valor o producto local.

Como representación destas iniciativas locais, nesta edición na organización da feira colabora a citada cooperativa Alcrique, un proxecto de dous mozos de Vilaboa que queren implantar o seu negocio de agricultura ecolóxica no municipio.

O domingo haberá obradoiros dirixidos aos nenos e á xente adulta

As hortas que xestionan estes dous agricultores están emprazadas no territorio de Vilaboa e, desde fai un mes, dispoñen dun local propio para venda directa. Ademais de ofrecer os seus propios produtos, na sede desta nova empresa tamén apostan por outros formatos ecolóxicos feitos país.

"Un dos eixos da nosa política de Goberno é o fomento da economía e do emprego local. Se queremos que a poboación se fixe no rural e para poder dar continuidade ao noso concello, é fundamental a creación de empregos no ámbito local para evitar a fuxida da mocidade. Inciativas como a destes dous mozos de Vilaboa son moi necesarias e desde o concello temos que poñer as ferramentas para poder consolidalas", apuntou a tenente de alcalde nacionalista que destacou que esta feira anual, xunto con outras iniciativas e proxectos queren darlle a oportunidade ás iniciativas emprendedoras.

O domingo, as persoas que se acheguen ao Toural, poderán atopar produtos do campo e da artesanía, pero tamén poderán gozar durante todo o día de diferentes obradoiros dirixidos aos pequenos e á xente adulta. Pola tarde, será a quenda dos obradoiros de cestería e, durante toda a xornada, talleres de cogumelos. Para poder ter praza nos obradoiros, é preciso enviar un correo a [email protected] ou presentarse nos puntos de traballo, na feira.

Na cita, non faltarán a música tradicional, nin actividades infantís, xa que instalada unha caravana con proxección de cine para familias da Caixiña de Mistos.

O San Martiño, comeza este venres oficialmente co concerto de Oradaladou, sobre Cancioneiro de Cotobade de Antón Fraguas. Será na Casa de Montes de Santa Cristina ás 20.30 horas.

E como remate á festividade local, o luns, día propio de San Martiño, e como ven sendo data fixada no calendario desde fai 25 anos, Vilaboa celebrará o seu Magosto Popular a partir das 19 horas no Toural.

Comentarios