Tombo Bags e Skeirrum, premiados do Programa de Emprendemento de Barro

No acto de clausura, no que se presentaron doce proxectos, participaron a presidenta da Deputación e o alcalde
Autoridades e premiados do Demoday. DEPUTACIÓN
photo_camera Autoridades e premiados do Demoday. DEPUTACIÓN

A primeira edición do Programa de Emprendemento do Viveiro de Barro finalizou este martes coa presentación dos doce proxectos que participaron nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra. As propostas gañadoras foron Tombo Bags e Skeirrum. O equipo de Tombo Bags, de Pontevedra, presentou un proxecto de fabricación de complementos artesanais, polo que levaron o premio ao mellor proxecto de emprendemento sostible. No caso de Skeirrum, da Guarda, fomentan un estilo de vida activo entre a mocidade e acadaron o galardón á mellor iniciativa de emprendemento dixital.

Ao peche deste evento acudiron personalidades como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes. Silva salientou que para estes premios "tería que haber doce galardóns porque o mellor que lle pode pasar a unha sociedade é ter xente creativa, que é o que fai que as sociedades avancen e diso estamos sobrados na provincia". A presidenta tamén subliñou a conciencia que teñen as autoridades no traballo que existe detrás de cada propsta e fixo unha mención especial ás mulleres emprendedoras, maioría nesta convocatoria, "traballadoras, creativas, impulsoras que a ter garrra non nos gaña ninguén". Ao final da súa intervención tamén quixo resaltar a importancia das familias dos participantes que estiveron arroupándoos nun día tan especial para eles. Así como foi a presenza de Antonio Lomba, o alcalde da Guarda,que tamén asistiu como pai dunha das participantes.

Por outra banda, o alcalde de Barro puxo en valor a iniciativa levada a cabo pola Deputación de Pontevedra para dinamizar o Viveiro de Barro. "O premio máis importante é que a Deputación poña a disposición de todas e todos vós estes recursos", declarou. Fernández Abraldes subliñou a importancia que ten que as administracións públicas, neste caso a Deputación, "teña o interese e, ao mesmo tempo, o coidado en que todas as persoas que teñan ideas e ganas poidan sacar adiante proxectos, innovación e emprendemento", sobre todo "cando hai iniciativas ilusionantes nas que se ven nichos de mercado".

O rexidor agradeceu e puxo en valor o labor das persoas que traballan no polígono, "este equipo de persoas axudouvos a levar adiante os vosos proxectos con máis garantías e fixo un traballo excepcional".

OUTRAS INICIATIVAS. Durante esta xornada, non só estiveron os proxectos gañadores, senón que tamén se presentaron outras iniciativas coma La médica de tus finanzas, de Vilagarcía, que tiña coma obxectivo educar en finanzas; tamén GM Solutions SL, de Barro, actividade que pretende poñer en contacto pemes de diferentes sectores; Tv LUX, unha plataforma online de contidos de entretemento de Pontevedra, e de Marín presentouse Balcones de Loira, que fomenta a busca de experiencias turísticas sostibles.

Comentarios