Elas, totalmente repostas do 15-O

As eguas Nala, Violeta e Dulcinea posan na Hípica Amazonas un ano despois da vaga de incendios na que resultaron gravemente feridas

Violeta, Nala e Dulcinea, na zona de exhibicións da Hípica Amazonas o venres, aínda teñen marcas visibles do que sufriron hai un ano. C. FERNÁNDEZ
photo_camera Violeta, Nala e Dulcinea, na zona de exhibicións da Hípica Amazonas o venres, aínda teñen marcas visibles do que sufriron hai un ano. C. FERNÁNDEZ

As da imaxe son tres eguas que se fixeron famosas na vaga de lumes do 15 de outubro de 2017. No medio daquela historia de urxencia, caos e devastación, estas tres exemplares da Hípica Amazonas de Ponte Caldelas serviron para amosar a outra cara dos incendios. Estaba contada a faceta do sufrimento humano, con catro vítimas mortais e varios feridos, dous deles en Soutomaior, e tamén se contaban por centos as hectáreas calcinadas. Pero faltaba falar dos animais. Os que viven no medio natural e os do medio rural. Aqueles aos que o lume non lles deu oportunidade, ou outros que, coma estes, se viron asediados polas lapas pero tiveron a sorte de sobrevivir. Nala, Dulcinea e Violeta forman parte da cabaña da Hípica Amazonas. As tres participaban, antes do incendio, en exhibicións, tarefas de demostración e na ‘docencia’, posto que nesta hípica moitos nenos e nenas da comarca aprenden os segredos da equitación. Cando caía a noite do día 15 e as lapas rodearon A Insua, o espazo quedou abandonado á súa sorte. Víctor Pereira, a súa dona os seus netos estaban ao cargo, pero as instalacións están rodeadas de monte e illadas. Se na zona máis ‘urbana’ a situación era de pavor e cadaquén defendía a súa casa como podía, neste punto Pereira e familia tiveron que loitar por protexer a vivenda, os nenos, os animais e as instalacións. Nunha desas, as eguas asustáronse e fuxiron cara unha morte que moitos deron por segura, posto que se adentraron nun monte que foi devastado nas seguintes horas.

Sen embargo, como a esperanza é o último que se perde, o día 16 , co lume extinguido, os responsables da hípica organizaron unha batida para dar con elas. A sorpresa chegou cando as atoparon vivas. Pararan a cinco quilómetros, en monte de Barbudo.

Estaban tan xuntas e atemorizadas que cando as divisaron por primeira vez pensaron que só dúas se salvaran. Crese que sobreviviron ao quedar onda un pozo de auga no que se viron protexidas das temperaturas extremas, pero sóubose que para chegar a iso tiveron que atravesar as lapas ou pasar moi preto delas. Violeta, a egua de Pura Raza Española (PRE), estaba cega e tiña queimaduras considerables. Nala e Dulcinea presentaban lesións de menos consideración, aínda que tamén comprometidas. Ademais respiraran moito fume, motivo polo que nos primeiros días non se sabía se ían sobrevivir. Desde ese momento elas forman parte dunha das historias de solidariedade máis fermosas que xenerou o 15 de outubro. As tres recibiron consultas veterinarias e coidados propiciados por voluntarios que puxeron todo o seu empeño en sacalas adiante. A familia Pereira contou con material e doazóns para poder facer fronte ós labores que esixía mantelas con vida. Mesmo unha moza madrileña, Belén Merino, chegou desde Chamartín cun tráiler cheo de menciñas e todo tipo de material para elas e para todos os animais damnificados polos incendios. Pereira calcula que terían feito falta «moito máis de 3.000 euros» para darlles os coidados que recibiron. «Sobre todo o das curas dos voluntarios». Nas primeiras xornadas, baixo prescripción veterinaria, as eguas tiveron que recibir curas cada media hora. Neses momentos, os voluntarios chegaron por ducias. Moitos deles eran nenas e nenos vidos de distintos puntos da comarca. Xuntos acariñaban ás eguas para tranquilizalas mentres cubrían a súa pel queimada con novas capas de cremas e medicamentos.

Así, pouco a pouco, elas foron recuperando a confianza e as súas feridas cicatrizando. O proceso foi cuestión de paciencia e tempo, tal e como lembra Pereira, que rememora con emoción todo aquilo. Fai uns meses que as tres están ‘de alta médica’. Salváronse, aínda que lles queden secuelas visibles na pel. Ninguén contaba con que volveran ter un papel activo na hípica, pero si o terán, xa que esa é a principal ilusión de todos os que participaron nas curas.

Comentarios