Traballadoras da sanidade departen en 'A Forza das Mulleres'

O faladoiro organizado pola Concellería de Igualdade celébrase este mércores coas experiencias de tres sanitarias de Poio
Rosalina Gómez, Conchy Lores e Susana Portela. DP
photo_camera Rosalina Gómez, Conchy Lores e Susana Portela. DP

O faladoiro A forza das mulleres organizado polo Concello de Poio a través da súa Concellería de Igualdade, celebrará este mércores ás 20.00 horas a súa segunda sesión con tres mulleres traballadoras do ámbito da sanidade pública.

Estas conversas vía streaming organízanse para poñer en valor e resaltar o papel desenvolto por mulleres do municipio en diferentes eidos, especialmente naqueles que cobraron especial relevancia desde o comezo da pandemia. Se na sesión inaugural dos faladoiros as protagonistas foron tres emprendedoras do concello, nesta ocasión a atención recae en tres mulleres profesionais que viviron en primeira liña a situación provocada polo virus. "Estamos a falar, sen dúbida, do sector que acusou un maior impacto pola situación sanitaria", explica a titular de Igualdade, Silvia Díaz, que destaca que este encontro virtual, que se poderá seguir a través da canle de YouTube do Concello, supón un paso máis nese "recoñecemento social merecido e sen precedentes carao labor realizado polas profesionais desde hai xa máis dun ano, traballando en primeira liña contra o covid-19".

Conchy Lores, Rosalina Gómez e Susana Portela son as tres voces que departirán sobre os retos e medos que implicou ser traballadora esencial neste momento histórico. A primeira delas conta con máis de dúas décadas de experiencia traballando cono enfermeira na área sanitaria Pontevedra-O Salnés. Desde o ano 2011 traballa na Unidade de Recuperación Postanestésica (Urpa) do Chup, que, desde o inicio da primeira vaga da pandemia, pasou a acoller a pacientes covid que se atopaban na Uci.

Pola súa banda, Rosalina Gómez tamén traballou durante moito tempo en Montecelo, se ben agora forma parte da unidade de urxencias pediátricas, xinecolóxicas e psiquiátricas no Hospital Provincial.

Previamente, tamén traballara como pinche de cociña e coma celadora no Chup.

Por último, a celadora Susana Portela falará das súas experiencias no servizo de información do propio Chup.

A cita estará presentada pola concelleira de Igualdade e actuarán como moderadoras a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, e a psicóloga Lidia Fazanes.

PÚBLICO. As persoas interesadas nesta convocatoria poderán asistir e participar no faladoiro a través da retransmisión en YouTube, ou solicitar o enlace directo enviando un correo electrónico á dirección [email protected].

A edil titular da área confía en que audiencia deste faladoiro siga os pasos da primeira sesión, á que se conectaron máis de medio cento de persoas.

Ademais, amosou o seu agradecemento ás protagonistas deste novo encontro virtual, non só pola súa participación e a predisposición amosada á hora de contar as súas experiencias, senón tamén polo "valioso labor que están a realizar desde o comezo da pandemia".

Comentarios