Traballar na túa start-up dende Anceu

Agustín Jamardo pon en marcha un proxecto para compartir vivenda, experiencias e espazo de traballo, pero tamén lecer. E todo dende a aldea. 
Anceu Coliving. Ramis, 8 Ponte Caldelas. Foto a Agustín Jamardo no coliving que montou en pleno confinamento e que atrae a startups de todo o mundo para traballar e viaxar ao mesmo tempo.
photo_camera Os traballadores de Anceu Coliving traballando nas instalacións que comparten. BEATRIZ CÍSCAR

Un retiro sen deixar de lado o traballo. Esta podería ser unha descrición da proposta de Agustín Jamardo para a aldea de Anceu, en Ponte Caldelas, onde inaugurou hai unhas semanas o seu espazo de coliving. Trátase dunha casa antiga restaurada con piscina, nun ambiente rural, que ofrece aloxamento e espazos de traballo cunha potente conexión a Internet a quen queira coñecer Galicia mentres teletraballa, desenvolve o seu proxecto de empresa ou adica un período sabático á reflexión.

A conexión á rede foi fundamental para que Jamardo decidise crear este proxecto en Anceu

Anceu Coliving pretende demostrar que o rural pode ser un lugar perfecto para emprender. Pero tamén para teletraballar e, en definitiva, vivir. "Hai un ano e medio escoitábanse un montón de noticias da España baleirada e a min ocorréuseme esta idea". Cóntao Agustín Jamardo, creador do proxecto, que traballa como programador para unha empresa de Singapur, aínda que o facía desde Madrid. Jamardo, de Caldas de Reis, quixo volver a Galicia e levar a cabo esta iniciativa para dinamizar o rural. "Quería estar preto da costa e de Pontevedra, que é onde teño a miña familia", di.

Porén, atopar a casa perfecta non foi doado. Comezou a buscar en xaneiro de 2019 e non atopou un inmoble que encaixara co que el quería ata o pasado mes de febreiro. Foi determinante o feito de que o lugar contase con infraestrutura de fibra óptica. "Sen rede, non podería ter vido, a conexión é fundamental para poder volver ao rural. De feito, vin outras casas en Cotobade pero descarteinas porque case non había nin cobertura de móbil", indica.

Anceu Coliving nace nun momento de crise, pero o parón permitiulle a Jamardo poñer a punto as instalacións antes de recibir persoas no establecemento. En toda España só existen outras seis experiencias semellantes a esta. O emprendedor estaba nunha delas os días previos á declaración do estado de alarma, en Canarias, para coñecer en primeira persoa o seu funcionamento. Así, aínda que tiña previsto abrir as súas portas antes, a casa comezou a recibir hóspedes en xullo. "Convidei a xente para que coñeza o lugar e acabar de deseñalo tendo en conta as súas suxestións", explica o mozo, que continúa traballando como programador dende Anceu.

Os hóspedes teñen todo tipo de perfís profesionais e chegan de multitude de países diferentes

OS COLIVERS. Pero, cal é o perfil dos colivers ou convivintes de Anceu? "Hai de todo, e iso é o que buscamos, todo tipo de persoas, agora temos dende unha violinista ata unha rapaza que fai o doutorado en Historia da Arte ou un xogador profesional de póker, aínda que a meirande parte son creadores de start-ups ou empregados de empresas tecnolóxicas que apostan polo teletraballo", explica Jamardo. Sobre a orixe dos convivintes, hainos españois, pero tamén de Venezuela, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia ou Italia. É dicir, de todos os lugares do mundo.

A experiencia do coliving non se limita a compartir aloxamento e lugar de traballo, senón que implica tamén un intercambio, tal e como destaca Jamardo. Deste xeito, durante a estancia, os hóspedes ou colivers comparten experiencias, como pasar unha tarde no río ou facendo sendeirismo, pero tamén ofrecen o seu coñecemento mediante charlas e obradoiros. "Un dos rapaces que estivo explicou o seu proxecto de empresa para que o resto das persoas lle desen a súa opinión, por exemplo", conta Jamardo. Do mesmo xeito, non se trata só dun proxecto pensado para profesionais ou emprendedores. "Se ti estás nun momento de descanso e sabes ioga, por exemplo, podes vir e dar clases, compartir o que sabes e facer comunidade", explica.

Non é un aloxamento con dereito a oficina, senón un espazo de intercambio para crear comunidade

Proxectos coma este repercuten de xeito directo na economía da zona. "Aquí mercamos o peixe, o pan, imos á feira...", conta. O proxecto ponse en marcha nun momento de encrucillada no que moitos vén no rural un espazo de liberdade, pero tamén de futuro, especialmente tras o pulo do teletraballo motivado polo confinamento.

Comentarios