O tripartito de Poio presume de xestión e estabilidade nos seus primeiros 100 días

O desenvolvemento de varias obras, a posta en marcha de novas concellerías e a Rede de Espazos Municipais son algunhas das iniciativas impulsadas nos tres primeiros meses do Goberno local
De esquerda a dereita, Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz, líderes do BNG, PSOE e Avante Poio. GONZALO GARCÍA
photo_camera De esquerda a dereita, Luciano Sobral, Chelo Besada e Silvia Díaz, líderes do BNG, PSOE e Avante Poio. GONZALO GARCÍA

Plena actividade na xestión diaria, estabilidade política, a posta en marcha de novas concellerías e o inicio de diferentes actuacións e obras son algúns dos aspectos que salienta o tripartito de Poio á hora de facer balanzo dos seus primeiros 100 días de Goberno. O alcalde, Luciano Sobral; a tenente de alcalde, Chelo Besada, e a concelleira de Turismo, Igualdade e Participación Veciñal, Silvia Díaz, compareceron este xoves para analizar o labor desenvolvido desde principios de xullo, cando se celebrou o Pleno de constitución, no que se confirmou o reparto de funcións dos nove concelleiros do BNG, PSOE e Avante Poio.

"Somos tres forzas políticas diferentes, pero temos un proxecto común co que queremos continuar deseñando o futuro de Poio", indicou o rexedor nacionalista, que deixou claro que, lonxe de posibles fisuras, estase realizando un traballo compacto, xa que "coincidimos nas necesidades ás que hai que dar resposta e sabemos que debemos facer para mellorar a calidade de vida dos veciños".

Pola súa banda, Besada e Díaz fixeron fincapé na cantidade de proxectos postos en marcha en algo máis de tres meses. Neste sentido, falouse de novos departamentos, como o de Participación Veciñal, o de Memoria Histórica ou o de Promoción da Lingua.

O Goberno municipal defende o seu modelo de xestión, que considera "máis útil" para o cidadán

"Defendemos un novo modelo de xestión, no que o traballo desenvólvese de xeito coordinador e transversal, o que nos permite ser máis dilixentes e útiles para o cidadán", sinalou Silvia Díaz, que adiantou a posta en marcha da Rede de Espazos Municipais, deseñada para tratar de detectar as necesidades dos locais de titularidade do Concello. Para iso, desenvolveranse xuntanzas cos colectivos usuarios, de xeito que se fale de actuacións a realizar e para organizar un calendario de eventos. "O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó debe ser a referencia desta rede de locais", indicou.

En materia de turismo, o Goberno local traballa nunha estratexia de promoción para poñer en valor lugares e recursos "que poidan resultar atractivos para os visitantes, máis alá do casco histórico de Combarro".

Polo que respecta ao apartado de obras, Chelo Besada lembrou que se acometeu a humanización da Praza da Igrexa de Raxó e estase a traballar na posta a punto da contorna da Seara. "Houbo que modificar o proxecto para ampliar a ponte e ese cambio requería do visto bo da Deputación, xa que o 80% do orzamento está financiado a través do programa 'Deporemse'", explicou a concelleira de Obras.

A mellora dos portos, o Centro de Saúde e o Vial do Vao, cuestións pendentes
Varios dos proxectos estrela do programa deseñado polo Goberno municipal non dependen exclusivamente do Concello. A última palabra vaina ter a Xunta de Galicia. Conscientes diso, os dirixentes do tripartito xa solicitaron varias reunións con distintos departamentos da Administración autonómica nestes 100 días. De momento, só foron recibidos en dúas ocasións.

Ata o de agora, o equipo de Goberno puido falar con Augas de Galicia para tratar de avanzar na mellora de servizos como o abastecemento de auga en determinadas zonas rurais, así como con Xestur, para que a Xunta adecente as parecelas da súa titularidade no polígono de Fragamoreira. O desenvolvemento deste espazo é "fundamental" para o Concello.

Sen embargo, aínda quedan varias cuestións no aire. Silvia Díaz lembrou onte que a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, aínda non deu resposta á solicitude presentada pola Comisión de Seguemento dos Portos de Raxó e Covelo para tratar de reactivar o convenio firmado en 2009, que contempla importantes actuacións de mellor en ambos peiraos. "Convocaremos á comisión de novo para ver que medidas adoitamos", sinalou a concelleira de Participación Veciñal, que lembra que a primeira petición para falar deste asunto data do mes de agosto.

VIAL DO VAO
O apartado da mobilidade é outra cuestión prioritaria para o Concello. Luciano Sobral sinalou que está solicitada unha reunión coa Consellería de Infraestruturas para comprobar se "existe vontado de reactivar o proxecto do vial do Vao". En canto ao apartado de sanidade, o Goberno municipal insiste na necesidade de que Poio dispoña dun novo Centro de Saúde acorde ao seu número de veciños.

Comentarios