O troco de bens e productos remata a presente edición do Proxecto Senda

O evento terá lugar o vindeiro 5 de setembro, a partir das 12.00 horas, na Reiboa –San Xoán
Presentación do Proxecto Senda. DP
photo_camera Presentación do Proxecto Senda. DP

Troco e troula: a forza do local é o nome da iniciativa coa que culmina o Proxecto Senda 2021. Un evento desenvolto polas 15 persoas que tomaron parte na presente edición deste ciclo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica, co obxectivo de facilitar o impulso a proxectos vitais, profesionais e novas marcas. A cita terá lugar o vindeiro 5 de setembro, a partir das 12.00 horas, na Reiboa –San Xoán–, e cumprirá con todos os protocolos de seguridade, hixiene e distanciamento que marcan as autoridades sanitarias.

O concelleiro responsable do citado departamento, o socialista Gregorio Agís, acompañado da técnica municipal María José Suárez e os integrantes de Senda 2021, explicou que nesta actividade un dos principais reclamos será a posibilidade de trocar diferentes bens e produtos, que inclúen prendas de roupa, elementos decorativos, libros, xoguetes, antigüidades ou pequenos electrodomésticos.

Os e as asistentes poderán facer entrega dalgún destes produtos, recibindo a cambio unha cantidade de sendas que variará en función do produto. Posteriormente, poderán canxealas como se de moedas se tratase para adquirir outros produtos e bens dispoñibles nos stands. Aqueles elementos que non teñan saída serán doados ao departamento de Servizos Sociais, para que sexan repartidos entre as familias con menos recursos do municipio.

No lugar da Reiboa se habilitarán unha ducia de postos, nos que, ademais do comercio local, tamén terán protagonismo a música ou a gastronomía, así como a artesanía, repartidos en diferentes zonas. Agís non dubidou en felicitar aos integrantes do Proxecto Senda por impulsar unha iniciativa "que supón un broche inmellorable ao labor desenvolto durante todos estes meses. Estamos a falar dun evento que reflicte á perfección os contidos e valores da formación que se imparte a través de Senda, como o traballo en equipo, a cultura colaborativa, emprendemento ou o desenvolvemento da marca persoal, á vez que se reforza a economía local e sostible".

Gregorio Agís entende que Troco e troula supón "ofrecer á cidadanía un punto de encontro moi interesante que pode ser gozado en familia e que, ao mesmo tempo, fortalece a marca do Concello de Poio". O edil do Goberno local lembrou, asemade, que o Proxecto Senda, que en 2021 viviu a súa cuarta edición, remata cada ano cun proxecto no que "sempre é protagonista a artesanía local e o comercio sostible, poñendo en valor ao tecido económico do municipio. Entendemos que esta iniciativa é ambiciosa e interesante, porque facilita o feito de dar a coñecer as fortalezas e atractivos dun municipio como Poio, que está cada vez máis consolidado como un concello dinámico e xove".

Comentarios